A política e a cultura patriarcal son as responsables de que as mulleres sigamos a sufrir unha violencia que non cesa. É por iso que o papel da esquerda debe pasar por reivindicar, con máis forza, que a violencia contra as mulleres é unha prioridade política e non unha nota irrelevante dos discursos.
Segundo os informes de Feminicidio.net, no que vai de ano, 92 mulleres foron asasinadas en España, catro en Galicia, aínda que segundo os datos que abranguen dende 2010 ata o 2015 foron 681 as mulleres asasinadas, sendo esta vez a Comunidade Galega, xunto coa Valenciana, onde se rexistrou unha maior cifra de asasinatos por habitante.
Este tráxico balance demostra, dunha banda, que a violencia machista segue asentada como parte normalizada da “convivencia” e, doutra, que os gobernos non responden de forma axeitada contra esta lacra. A violencia impregna as nosas vidas, dende as conductas machistas que soportamos diariamente, ata no uso dos nosos corpos (publicidade machista, explotación sexual, prostitución, ventre de aluguer…) que incluso algúns pretenden regular.
Chegadas a este punto, esiximos que as institucións e os gobernos asuman que as meras declaracións institucionais non son suficientes: é hora de poñer en práctica políticas reais e efectivas pola igualdade como resposta á violencia de xénero, destinando así esforzos e orzamentos suficientes para loitar contra a violencia que sufrimos e que nos está matando.
Só unha sociedade fundamentada e asentada na igualdade real impediría que a crise económica puidese servir de pretexto para que as mulleres sigamos tendo menores salarios por iguais traballos, así como menos oportunidades, é dicir: que a feminización da pobreza siga sendo un marcador da desigualdade é unha lamentable realidade. Só mediante a igualdade real se lograría que a maioría das responsabilidades domésticas e de coidados deixen de recaer sobre nós.
Mediante a igualdade real, a representación das mulleres nos ámbitos públicos deixaría de ser noticia e pasaría a ser o lóxico, o normal e o que a sociedade precisa para avanzar. Da man da igualdade real, a historia deixaría de relatarse de forma sesgada, recoñecendo dunha vez por todas as nosas aportacións.
Para Esquerda Unida o feminismo é imprescindible e representa unha alternativa política global e integradora nun modelo de sociedade polo que traballamos: respectuosa, xusta e igualitaria. É por iso que dende a esquerda rupturista e transformadora seguimos a loitar para que o principio de igualdade real sexa irrenunciable: un único camiño cara un cambio social que garanta a igualdade efectiva entre todas as persoas.
Basta xa de violencia machista!