Manifesto do mundo da cultura

Galicia é unha entidade material construída historicamente por homes e mulleres pertencentes ao mundo do traballo. Pero tamén é unha construción simbólica articulada conscientemente por unha tradición cultural e de creación artística rica, moderna e profundamente comprometida co pobo traballador ao longo da historia. Unha construción permanente que ten como máis evidente medida, no presente e no futuro, nos alicerces e nos horizontes, a nosa lingua.

E velaquí que o PP e mais Feijoo entraron no goberno asumindo como labor prioritario o de desestruturaren a capacidade simbólica de toda expresión cultural, creativa e artística, a consigna de destruíren a nosa cultura e a nosa lingua como garantes do proxecto nacional galego de democracia, xustiza e dignidade. Prolongaron e aumentaron a hipoteca do Gaiás mentres que, coa falacia dos recortes, desmontaron canto puideron o noso sistema cultural; abríronlle o espiche ó simulacro e afogaron a infraestrutura de creación audiovisual e artes escénicas; fomentaron a cultura do espectáculo e do consumo e derrubaron a cultura da participación social e activa; e a edición, as bibliotecas, o libro…

Pero soubemos resistir. Nas condicións máis extremas e adversas, seguimos resistindo. En calquera escenario do futuro, continuaremos organizando a resistencia.

E hoxe a nosa resistencia, a cultural e a política, é defender o proxecto da Alternativa Galega de Esquerda: “Hai que paralos!”.

Hai que paralos porque somos parte integrante do pobo traballador galego e, por tanto, do pobo traballador europeo e do mundo, que está sendo aquí e acolá obxecto dunha brutal violencia de destrución e redución á escravitude.

Hai que paralos porque somos dos de abaixo. Non representamos a ninguén, sentímonos parte activa deste pobo e por iso participamos neste movemento de creba democrática e de superación do actual réxime e do actual sistema.

A Alternativa Galega de Esquerda non é unha marca máis que se venda no andel do gran centro comercial das eleccións. AGE é a expresión diversa e dinámica dunha necesidade de transformación cuxo protagonista soamente pode ser o pobo. AGE non aspira a converterse nun mediador entre a inmensa maioría dos de abaixo e a inmensa minoría dos de arriba; só se ofrece como ferramenta para que a democracia cobre sentido real por primeira vez na historia. O pobo é quen máis ordena: hai que paralos!

A Alternativa Galega de Esquerda é capaz de unir nun mesmo proxecto de intervención política, de emancipación nacional e social, dúas tradicións tan insignes coma as que representan hoxe Anova e EU, coas achegas de Equo e Espazo Ecogaleguista. A unidade popular dos agredidos e das agredidas é hoxe e aquí un dos nosos valores principais: hai que paralos!.

Por iso, máis que pedir o voto para AGE, que o pedimos, convidamos a todos e todas a se uniren ao proxecto de transformación. Acumular forzas para conquistar a hexemonía: hai que paralos!

 

 

Relacionados