25 de xullo. Día da Patria

 

O país necesita dunha transformación radical. Xa non podemos aturar máis esta implacable secuencia que nos conduce, de forma inexorable, ao naufraxio. Os dramáticos números do paro, a imposibilidade de milleiros de familias de poder manter unha hipoteca ou un alugueiro, os recortes de todo tipo aplicados a servizos públicos básicos como educación, sanidade e servizos sociais, o permanente desprezo e ataques cara a nosa lingua e cultura son todos actos perpetrados por un desastroso goberno que demostra que os seus intereses de clase son outros.

 

Feijóo resulta un pésimo actor. O escenario venlle tan grande que, mentres disimula mágoa por iso de que se achegan eleccións, se entrega de forma gustosa ao capitalismo financiero e vólvese un submiso e obediente servidor dos ditames ultraliberais, sen utilizar as capacidades políticas e orzamentarias que ten o goberno da Xunta de Galicia.

 

No Día da Patria Galega, temos que chamar á resistencia organizada desa pluralidade crítica política, social e sindical, porque nela se atopan os alicerces doutra política, doutro xeito de facer na res publica galega, ao servizo do interese xeral da maioría social traballadora. As máis de trescentas cincuenta mil persoas que saíron hai uns días ás rúas das nosas cidades  reflicten que podemos derrotar ao PP e ás políticas  de dereitas. Pero precisamos poñer en marcha mecanismos de colaboración ao servizo dun programa común das esquerdas que sirva aos intereses desa maioría que somos as xentes traballadoras.

 

O goberno de Feijóo vainos deixar unha pesada herdanza: a Galicia das trescentas mil persoas no paro, onde un terzo delas non teñen axuda pública alguna; a Galicia onde se privatizan as escolas infantís do malfadado consorcio, se destrúen postos de traballo no profesorado e nos servizos complementarios e se empeoran as ráteos e as condicións materiais do ensino público; a Galicia onde se lle dan ao capital privado hospitais e centros de saúde, se aplica o repago e onde o desenvolvemento das políticas de axudas á dependencia coñece o meirande retraso do Estado; onde a cultura galega resulta incómoda ao poder político, que debe velar pola súa extensión, ou onde o solo e o territorio son elementos a consumir e devastar polo capital privado. A Galicia onde a pobreza afoga a unha de cada catro persoas.

 

Agora, a dereita política que nunca defendeu o autogoberno, quere esnaquizalo mediante o pretexto do déficit público. Ataque aos nosos dereitos nacionais que estenden a outra instancia necesaria do poder público, os concellos, aos que queren deixar sen autonomía para aplicar políticas públicas no social e no económico alternativas. E para iso queren distorsionar aínda máis unha lei electoral inxusta (nin PSdG, nin BNG cando gobernaron escoitaron as nosas demandas de aumentar a pluralidade do noso parlamento para adecualo á realidade galega coa redución do teito electoral até o 3%), e así uns votos valen máis que outros e que maltratan ás minorías. Queren unha Galicia para ricos e señoritos, quérena para esa rediviva fidalguía alleeira dos cartos, que non ten espírito de cidadanía nin raiceiras nun país milenario.

 

Para defendermos os nosos dereitos económicos, sociais e culturais, gañados nas loitas obreiras e populares que contribuíron ao fin da ditadura franquista, cómpre artellar espazos que acubillen a pluralidade e a potencien cunha praxe social e política unitaria. Sen sectarismos e respectando as identidades plurais e híbridas que ten unha cidadanía crítica. Esquerda Unida está a facer o seu humilde contributo a esa política de resistencia e creación dunha alternativa política, social e cultural.

 

Esquerda Unida comparte as arelas deste pobo traballador a poder vivir e traballar na nos a terra (que desapareza esa vella maldición de clase que obriga aos fillos e fillas deste pobo a emigrar para gañarse a vida) e por iso neste 25 de xullo afirmámonos no valor e necesidade dun programa de transformación social que pasa por conquerir traballo e servizos públicos para todas e todos, a ampliación do noso autogoberno nacional nunha república federal e a dignidade de sermos cidadanía afincada nas raiceiras da nosa lingua e cultura.

 

Relacionados