Manuel Lago: “É preciso loitar contra a desigualdade salarial e a pobreza laboral no noso país”

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a moción presentada por En Marea na que se instaba á Xunta de Galicia a tomar medidas concretas para loitar contra a desigualdade salarial e a pobreza laboral que asolaga o noso país. Esta iniciativa foi defendida polo deputado Manuel Lago, quen falou de que “agora é preciso loitar contra a desigualdade salarial e a pobreza laboral no noso país; un problema global que tamén afecta á economía e á sociedade galega e, polo tanto, combatela ten que ser un dos obxectivos explícitos na estratexia económica e laboral da Xunta de Galicia”, dixo.

Deste xeito, En Marea logra o acordo de todos os grupos na loita contra a situación actual de desigualdade cada vez maior e que sitúa a España entre os países con maior nivel de desigualdade so por detrás de Serbia, Romanía, Lutuania e Bulgaria. “A economía española é a quinta da Unión Europea, estamos entre os dez estados con maior renda por habitante pero ocupamos os últimos lugares en desigualdade. Temos un problema, un enorme problema, porque xa estamos entre os países máis desiguais pero sobre todo porque aquí é onde están medrando máis as diferenzas sociais” salientou Lago na súa intervención que asegurou sucedeu na recesión pero segue a suceder polo aumento da precariedade laboral e os traballos de baixos salarios.

O texto recollía puntos importantes, tales como “solicitar ao Consello Económico e Social de Galicia un informe no que analice este grave problema e poñer en evidencia cal é a súa orixe e as medidas para corrixilo” ou  “impulsar, dende a Xunta de Galicia, un acordo dos empresarios e sindicatos no marco do consello de relacións laborais, que estableza unha senda de crecemento dos salarios reais, sostida no tempo, que permita recuperar o poder adquisitivo perdido na crise”.  “A recesión que golpeou a economía mundial a partires de 2008 non afectou a todos por igual, pero, ademais, a saída da recesión está agravando a desigualdade: as persoas que pagaron o prezo máis alto na crise ségueno pagando agora tamén na fase alcista do ciclo”, rematou Lago.

Relacionados