Matricúlate na pública

Coincidindo co inicio do prazo de reserva de praza nos centros de educación infantil e educación primaria de Galicia a Área de Educación de Esquerda Unida inicia hoxe unha campaña informativa na que anima á cidadanía galega a solicitar praza dentro da rede de centros públicos da comunidade.

Fronte a un conselleiro empeñado no desmantelamento do ensino público (redución dun 20% do orzamento dende o comezo da súa sestión fronte ao mantemento da partida para os centros privados)  a Área de Educación de Esquerda Unida quere reivindicar e poñer en valor deste xeito a calidade da rede de centros públicos galegos, na que os cadros de persoal, a preparación dos profesionais e a dotación material e de infraestructuas segue sendo superior á da rede privada-concertada. A maiores o custo de estudo na privada supón un desembolso para os usuarios  moi superior á de pública (un auténtico co-pago).

“Trátase dunha campaña en positivo, na que reivindicamos a matriculación na educación pública coma un acto consciente de posta en valor deste servizo público fundamental. Ser usuario do ensino público é o xeito máis elemental, sinxelo e sincero de defendelo” explica o coordinador da área Roi Rodríguez Cagiao.

A campaña, consistente na distribución de materiais informativos impresos e a través das redes sociais, pretende visibilizar ademáis as propostas de Esquerda Unida en relación a política educativa, en especial a de incrementar a porcentaxe do PIB a investir en educación (moi por debaixo da media europea actualmente) e a de suprimir progresivamente a financiación pública do ensino privado para acadar dunha rede única de centro educativos de xestión directa.

Relacionados