Medidas antisociais do PP

 

Esquerda Unida considera que o goberno do PP está levando o pais á ruína e a depresión económica e ao pobo español á pobreza. Mentres a meirande parte dos economistas coinciden en que a saída da crise pasa inexorabelmente polo fortalecemento do investimento público para reactivar unha economía produtiva ávida de inxección de capital, o Goberno de España segue parapetado no “mantra” da austeridade e os recortes. A miopía económica do PP non a comparten nin os propios mercados, dos que o PP amósase fiel lacaio como amosa a inmediata suba da prima de risco logo de coñecer as erráticas medidas tomadas polo executivo central, ou o anuncio de Goldman Sachs de que non cumpriremos co obxectivo de déficit e que o noso PIB caerá un 1,4%.

 

Non cabe dúbida de que a Troika está a exercer presión sobre o noso país, mais obriga a obter resultados, a maneira de obtelos é o único marxe de manobra do que aínda dispoñemos. Así, a suba do IVE ou a eliminación da paga extra do Nadal aos empregados públicos son medidas que retrotraeran o consumo de maneira drástica, incrementando aínda máis a desaceleración económica o peche de empresas e, xa que logo, fomentado o desemprego. Non debemos esquecer que a paga do Nadal é unha paga que se destina integramente ao consumo e que o estado recupera de inmediato o 50% dela entre IRPF, Seguridade Social e IVE dos produtos consumidos. Existen moitas pequenas e medianas empresas que basean a súa contabilidade nas vendas do Nadal que agora verán drasticamente reducidas o que complicará a súa viabilidade.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes lembra que o PSOE con  medidas antisociais e a reforma constitucional, abriu a porta para que o PP utilice a crise para aplicar medidas ideolóxicas contra as familias traballadoras. Consideramos inaceptábel que se reduza a prestación por desemprego do 60% ao 50% a partires do sexto mes ou que o subsidio deixe de cubrir a cantidade mínima de supervivencia (426 € referenciado ao 80% do IPREM), tamén semella indignante que saír do país por calquera motivo interrompa a inscripción como demandante de emprego, o que de facto impide o acceso á Renda Activa de Inserción (RAI) para os desempregados de longa duración. Pero máis impresentábel é pretender facer responsábeis da crise as persoas desempregadas argumentando que os recortes son para incentivalos na procura de emprego, dando a entender que son os propios desempregados os que non queren acceder a un posto de traballo cando o propio Sr. Rajoy no mesmo discurso recoñecía que a coxuntura actual provocaría o incremento de desemprego nos vindeiros anos.

 

Tamén rexeitamos con rotundidade outras medidas antisociais que en ningún caso influirán na recuperación económica do país, como os recortes en dependenza e a ampliación dos prazos dos trámites a dous anos o que condenará a miles de dependentes a morrer sen recibir axudas, ou a redución nun 30% das axudas a mocidade para aluguer, a chamada renda básica de emancipación.

 

Por outra banda consideramos un insulto a cidadanía e un absoluto desprezo polo noso sistema democrático e social de dereito, os aplausos e vitores da bancada do PP durante o anuncio destas tristes medidas, amosando un comportamento máis propio de hooligans que de Deputados representantes da cidadanía. Que dicir ten as afirmacións de Andrea Fabra “que se jodan” nun claro desprezo cara os desempregados. Ou as afirmacións dalgún deputado do PP dicindo “a traballar vagos” cando se anuncian os recortes sindicais, desprezando o traballo dos representantes dos traballadores e traballadoras.

 

César Santiso, indicou que “chamamos á cidadanía a tomar ás rúas para loitar pola defensa dos nosos dereitos. Esiximos un referendo para que a cidadanía se pronuncie sobre estas medidas, mais en todo caso apoiaremos unha necesaria Folga Xeral”. Santiso animou a veciñanza a participares nas distintas mobilizacións, nomeadamente na manifestación do vindeiro xoves 19 de xullo que partirá da Praza da Palloza as 20:00 h.

 

Finalmente o voceiro de EU-V, chamou a unidade de acción da esquerda social, a esquerda política, o sindicalismo e os movementos socias para, todos xuntos facer unha fronte ampla de loita contra as políticas neoliberais que nos levan a bancarrota do país e o sufrimento da cidadanía.

Relacionados