Medidas Refuxio Bando

Manifestamos a nosa oposición as actuais medidas anunciadas que, como é costume no Partido Popular, supoñen recortes nos salario das empregadas e empregados do refuxio e un elevado aumento nas taxas de adopción.

O aumento das taxas e o cobro de servizos antes incluídos no prezo da adopción, como é a esterilización, provoca que non exista apenas diferenza económica entre adoptar un animal no Refuxio de Compostela ou comprar un. Desta forma se fai imposible o que debería ser un dos obxectivos da Concellería de Medio Ambiente: fomentar e promover na sociedade a adopción de animais abandonados fronte a compra. En contra do afirmado, os prezos estipulados non distan dos de empresas privadas, en ocasións incluso menores, sendo o seu obxectivo o lucro privado e non a defensa dos dereitos dos animais.

Na nosa opinión, as medidas anunciadas son o derradeiro lategazo ao Refuxio de Bando. O aumento dos custos da adopción, en tempos de crise, suporá a inevitable baixada nas adopcións e definitivamente o desmantelamento dun refuxio de titularidade e xestión pública.

Dende O Consello Comarcal de EU Compostela consideramos que estas medidas non atacan o problema real do Refuxio de Bando. Reiteramos a nosa proposta, e a de outras organizacións, da realización dunha avaliación do actual funcionamento do Refuxio, acometendo unha reestruturación onde se asegure unha xestión organizativa e económica transparente e pública, primando sempre o benestar dos animais.

En relación ás voluntarias e voluntarios esperamos que as normas aprobadas sexan acordes coa Lei de Voluntariado, recollendo as súas funcións, deberes e dereitos; rematando coas polémicas anteriores e garantindo o respecto ao voluntariado que de forma altruísta dedica o seu tempo.

Relacionados