Medidas urxentes e inmediatas contra a crise do Coronavirus

Galicia en Común – Anova Mareas trasladou  ao goberno da Xunta de Galicia na xuntanza que tivo lugar hoxe, un documento con máis de trinta medidas urxentes en materia sanitaria, social, económica, educativa e institucional non marco da crise do Coronavirus.

Unha renda básica de emerxencia, a suspensión do pago de taxas e impostos a familias en situación de vulnerabilidade, a posta en marcha de solucións habitacionais para as que estean en situación de emerxencia, incluídas as mulleres vítimas de violencia machista e o desenvolvemento dun plan para a acollida, asistencia e manutención de persoas e familias sen fogar.

En materia sanitaria, Antón Gómez Reino candidato de Galicia en Común-Anova-Mareas trasladou, entre outras estratexias urxentes e obrigadas, o reforzo con medios humanos e materiais de todo o sistema galego de saúde, a realización de tests rápidos de detección do  coronavius en todas as comarcas do país, a reapertura de camas e plantas hospitalarias pechadas en Galicia nos últimos anos, a medicalización inmediata de todas as residencias da terceira idade e centros de menores e dependentes, a posta en marcha dun plan para a subministración a domicilio de medicamentos a persoas maiores e dependentes, e a captación de plantas industriais en Galicia para a produción de material sanitario, de seguridade e desinfección.

Hai xa máis dez días, as candidatas da coalición advertiron en Compostela da urxencia de reforzar, desde a Xunta, equipos humanos e materiais. No concreto, Eva Solla alertaba das graves eivas de persoal da Consellería de Política Social en residencias de maiores e persoas dependentes e Martiño Noriega urxíu máis dotación humana e técnica para a atención telefónica e do teléfono de emerxencias 061, así como para os puntos de atención continuada a medios na Primaria

“Precisamente, hai semanas interpelabamos no Parlamento galego ao conselleiro de Sanidade pola falta de medios ante a propia gripe estacional e pedindo a equipación das camas que o Sergas mantiña pechadas nos centros hospitalarios para illamento e contención. A Xunta non se pode esquecer dos maiores e dependentes. Cómpre reforzo, información e protocolización”, dicía Solla o 12 de marzo.

En materia educativa para afrontar a paralización do sistema educativo do país, a coalición avoga por poñer en marcha un plan de seguimento do alumnado de Primaria e  Secudaria a través dunha programación específica nos medios  públicos da  Corporación de Radio e Televisión de Galicia; así como a realización dun informe sobre a situación do alumnado con necesidades educativas especiais destinado a adoptar medidas concretas e individualizadas, ademais de esixir reforzos de persoal e coberturas para os docentes interinos que poidan verse afectados polo peche da actividade escolar.

No ámbito económico, entre outras estratexias, a posta en marcha de axudas directas para PEMES e autónomos que se viron obrigados a cesar na súa actividade, liñas de crédito a interese cero para empresas e a simplificación dos procedementos burócráticos para acceder a elas, a atención inmediata das demandas de emprego das empresas que prestan servizos esenciais, así como o peche da actividade marisqueira a pé para permitir que as mariscadoras poidan optar a axudas e prestacións mentres o peche do sector hostaleiro lles impída comercializar o seu produto.

No ámbito institucional, Gómez Reino propuxo a activación inmediata da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para permitir a función de control do Executivo autonómico. Neste contexto esiximos a comparecencia inmediata do Presidente da Xunta, e das conselleiro de Sanidade, a conselleira de Política Social e o conselleiro de Emprego e Industria para dar conta da situación.

 

Relacionados