Melloras no EIM Montealto

Esquerda Unida esixe ao goberno municipal que arranxe as deficiencias existentes na Escola Infantil Municipal de Monte Alto, pois na entrada da EIM atópase cableado eléctrico en mal estado e colgando da fachada co risco que implica que polo mesmo sitio caia auga da limpeza realizada na primeira planta exterior do mercado. Asemade, as consecuencias desta limpeza supoñen que na porta de acceso á escola exista diariamente un goteo que molesta a nais, pais e alumnos, forma humidades nas instalacións e un charco continuo moi preto da porta principal do centro co conseguinte risco de resbalons.

Por outra banda, a cuberta está en completa situación de abandono con restos inorgánicos e maleza que danan o teito e desgastan a infraestrutura do centro. Por iso, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha batería de preguntas a fin de coñecer se o goberno local ten pensado arranxar cuberta, goteiras ou cableado eléctrico da escola infantil municipal. O tenor literal das preguntas é o seguinte:

– Ten pensado o goberno local cerrar a zona morta existente na primeira planta do mercado de monte alto que linda coa EIM de Monte Alto a fin de evitar que se xunten na mesma pandillas que danan a imaxe do centro?

– Ten pensado o goberno municipal arranxar a cuberta da escola actualmente en estado de abandono?

– Ten pensado o goberno municipal arranxar o continuo goteo de auga na entrada da EIM de Monte Alto a fin de evitar as molestias dos pais e nenos que asisten á escola e as humidades que se están a formar?

– Ten pensado o goberno local restituír o cableado eléctrico que colga da fachada da EIM de Monte Alto  e que se atopa nunhas nefastas  condicións?

EU considera como unha das súas prioridades absolutas loitar por un ensino público de calidade, xa que logo, insistimos na mellora dos centros de ensino, porque dende a Administración local se debe garantir a seguridade dos rapaces.

Por último, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “para unha calidade óptima das ensinanzas impartidas nas escolas infantís públicas é preciso contar con unhas infraestruturas seguras”.

Relacionados