Concretamente dúas: a consecución dunha sección da Audiencia e dun xulgado de familia de primeira instancia.
En xaneiro deste ano fumos quen de acordalo no Pleno do concello. Cómpre que agora que o PP ten a oportunidade de executar este acordo non o demore.
Hoxe se publica no BOE unha disposición do Consello Xeral do Poder Xudicial no que atribúe ao xulgado do Penal 6 da Coruña o coñecemento, con carácter exclusivo, da materia relativa á violencia de xénero. Hoxe, nun día en que os tres escalóns da administración pública están gobernados polo PP, a nosa organización lembra os pronunciamentos de antano e os compromisos públicos adquiridos polo PP nesta cidade para facer efectiva esta millora do servizo público.
O noso Grupo Municipal reclama do Goberno Municipal que asuma un compromiso votado polo Pleno do concello, cos propios votos do PP, para acadar un investimento decisivo para actualizar a nosa administración de xustiza. Ferrol constitúe hoxe a única cidade do país que non conta cunha sección da Audiencia. Ferrol é a única das sete grandes cidades galegas que non conta cunha sección da Audiencia Provincial. A Audiencia provincial da Coruña conta cunha sección na cidade de Compostela (sección 6ª do Civil-Penal), namentras a Audiencia provincial de Pontevedra dispón tamén de dúas seccións na cidade de Vigo (seccións 5ª e 6ª do Civil-Penal).
Esquerda Unida reclámalle ao Goberno Municipal para que xestione a elaboración do pertinente informe por parte da Xunta de Galicia. A Lei Orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial, reserva ao Goberno do Estado a creación destas seccións, oídos de xeito preceptivo a Xunta de Galicia e o Consello Xeral do Poder Xudicial. Doutra banda, a nosa cidade necesita, segundo o criterio compartido dos profesionais do dereito, un novo xulgado de primeira instancia adicado á familia, que facilite a resolución en tempo razoable das demandas formuladas pola nosa cidadanía. Saltan cada pouco nos xornais e adoitan ser frecuentes as dilacións indebidas a conta da insuficiencia de medios materiais e humanos que lastran á nosa administración de xustiza.
A nosa organización quede reprocharlle a Xunta de Galicia que non contemple un euro no capítulo dos investimentos reais para a nosa cidade en materia de xustiza. A prometida cidade da xustiza, con sede no Sánchez Aguilera, non se atopa entre as preocupación do conselleiro Rueda, de xeito tal que non se contemple nen unha primeira partida para a elaboración do proxecto nos orzamentos do Goberno galego para o vindeiro ano; 2012 non será un bo ano para a xustiza en Ferrol de non se producir unha rectificación – o cal demandamos – por parte do PP.