yolanda2.jpg - 45.66 Kb

Mesas de converxencia

 

Únenos a esixencia de democracia, porque nos programas e nas urnas constrúese a lexitimidade de calquera goberno, que só se debe ao consentimento dos gobernados, non mediante as imposicións do capital. Únenos a vontade de facer xustiza, porque non é xusto que os causantes e beneficiarios da crise (o capital financeiro e especulativo e as súas políticas neoliberais) nola fagan pagar á maioría social traballadora. Únenos a defensa do medio ambiente, ameazado máis que nunca a causa da razón falaz que defende desbotar as poucas normas medioambientais en razón da crise e a necesidade de emprego (o emprego lixo bonificado ao 100% para o empresario que sae do penúltimo, sempre é o penúltimo, recorte social). Únenos a procura do benestar para a maioría social traballadora, integrada polas clases traballadoras, os autónomos, os pensionistas, o pequeno empresariado… todos aqueles cuxos medios de vida se atopan nunha posición subordinada e de confrontación obxectiva cos intereses deses mercados capitalistas.

 

As mesas de converxencia que vimos de lanzar o 19 de febreiro no auditorio Marcelino Camacho en Madrid, cunha composición excepcionalmente plural e representativa de diferentes lecturas e correntes ideolóxicas das esquerdas, xorden desa arela que soa en mil conversas e manifestacións acerca da necesidade de resposta unitaria a unha sistemática de agresións antisociais cuxo final se corresponderá co inicio dunha resistencia e alternativa quen de derrotala. Os que estamos a participar non aceptamos asinar algunha das variadas modalidades da derrota: a desmobilización, o mal menor, ou o sectarismo. Participamos nelas porque queremos contribuír a producir unha posibilidade nova e ousada tras estes decenios de retirada desordenada: unir, crecer e aglutinar as forzas suficientes dunha esquerda que se recoñece e acepta plural para xerar a forza gravitatoria necesaria para enfrontar e derrotar socialmente ás políticas neoliberais as faga quen as faga. Derrotadas na sociedade, nas rúas, nos centros de traballo, nas escolas… derrotadas aí será sinxelo derrotalas política e electoralmente; chegará entón a posibilidade de pór en marcha un programa alternativo común, que hoxendía resta confinado no papel dos programas que poucos len.

 

O 19 de febreiro comezamos unha nova batalla por organizármonos en todos os espazos das nosas sociedades: crear mesas de converxencia en todas as localidades, nas escolas, nos barrios, nos centros de traballo. Mesas con tres grandes obxectivos: primeiro crear espazos plurais de deliberación entre as persoas das esquerdas para producir razóns, argumentos, acordos, tecidos coa complicidade da razón crítica e a determinación de unir as nosas forzas. Segundo, para desenvolver unha vaga informativa que libere as nosas razóns das grandes cárceres mediáticas, obedientes aos intereses dos mercados capitalistas e podérmonos chegar deste xeito a esa maioría social que traballa e resulta prexudicada polas medidas do Goberno. Terceiro, producir accións conxuntas para defender diante dos poderes públicos que atendan ao interexe xeral, que rectifiquen a súa rendición sen condicións ante o capital.

 

Os milleiros de mulleres e homes que coas verbas de Benjamin non aceptamos a “celebración dun culto sen soños e sen piedade”, que rexeitamos a barbarie deste capitalismo, estamos convocados a crear nas nosas vilas e cidades, nos barrios, nos traballos esas mesas de converxencia, eses comites de soños, para producir a unidade do pobo de esquerdas pola base, para construír unha alternativa de xustiza e igualdade, de esquerdas.

 

Relacionados