Na mesma intervención sinalou que a confección do estudo de avaliación da viabilidade económica prolongarase até o primeiro trimestre do ano 2013, pero adiantou as dificultades económicas de levar a cabo a construción da infraestrutura debido a crise económica e a falta de rendibilidade comercial deste modo de transporte colectivo.
Esquerda Unida considera que o metro lixeiro é a coartada que lle outorga a Xunta de Galicia ao Goberno local para poder agachar a súa inacción en materia de mobilidade, pois semella que logo de custosos estudos de longa duración os coruñeses e coruñesas non o gozaremos de metro lixeiro.
O grupo municipal de EU-V xa adiantou fai meses as súas reservas en canto a dispoñibilidade real da Xunta de acometer a implantación do metro lixeiro en plena constrición do gasto público.
En todo caso Desde Esquerda Unida – Os Verdes queremos recordar que na viabilidade económica dunha infraestrutura de transporte colectivo non só hai que ter en conta a rendibilidade comercial. Hai que contar co aforro que cada usuario do metro lixeiro terá en termos de gasolina, desgastes do seu propio vehículo e posibilidades de accidente. Tamén haberá que considerar a mellora dos índices de contaminación e o seu co aforro en custos humanos, sanitarios e farmacéuticos que suporá a diminución de afectados de asma, alerxias e outras enfermidades bronco-respiratorias. Por outra banda, os aforros en tempo de desprazamento tamén contribuiría a aliviar os problemas de aparcamento, fomentando o comercio local, aumentando a eficiencia da actividade económica e persoal e reducirá a dependencia do petróleo dos coruñeses e coruñesas e, xa que logo, da economía galega.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “as decisións de prestar e mellorar servizos básicos para a cidadanía non poden tomarse en base a criterios comerciais, o desenvolvemento dunha rede de metro lixeiro pode non ser un negocio redondo para os `empresarios amiguetes’, pero si sería unha fonte de aforro e benestar para a veciñanza da Coruña e da súa Área Metropolitana e un catalizador para actividade económica e para o pequeno comercio. Ademais si so se desenvolvesen servizos públicos en base a criterios comerciais non teríamos sanidade, ni educación, ni seguridade social, ni ningún dos servizos que marcan a diferenza entre un país europeo e un país do terceiro mundo. O uso da rendibilidade comercial como criterio para desenvolver servizos públicos so potencia as diferenzas sociais, marxina as familias traballadoras fronte os ricos, acerca o noso país ó terceiro mundo e vai en contra da función de redistribución da riqueza que as institucións do Estado teñen encomendada segundo a Constitución”.