Minicentral de Cecebre

O encoro de Cecebre surte de auga potable á cidade de A Coruña e a aos concellos da comarca. Este encoro garda no caixón unha vella concesión dos anos 90, nunca feita realidade, cando gobernaba a Xunta de Galicia o que fora ministro da ditadura franquista, Manuel Fraga. Concesión que tería que estar caducada de actuar a Xunta de Galicia de xeito dilixente e non ao servizo de intereses espúrios.

Cómpre sinalar que malia as declaracións pretéritas de membros do PP, con vinculacións empresariais co grupo empresarial Fergo, nas que se manifestaba que non se construiría, os datos que se acumulan desminten tales declaracións. Hai agora un ano, o concello da  Coruña subscribiu un convenio con Augas de Galicia pola cal o concello e a empresa municipal EMALCSA comprométense a “acordar a solución máis favorable para a coordinación e realización dos intereses dos titulares dos dereitos concesionais outorgados ao propio Concello e á sociedade Minicentrales Eléctricas de Galicia, S.L.”, así como a “desistir das reclamacións xudiciais ou extraxudiciais interpostas por moitvo das actuacións administrativas efectuadas en relación coa obra hidráulica da presa e encoro de Cecebre, segundo se recolle na cláusula quinta.

Esquerda Unida denuncia que o custoso trasvase de augas do lago artificial de meirama a Cecebre non responde ás necesidades da cidadanía, unha nova obra faraónica e innecesaria, pois o encoro de Cecebre nunca se mostrou insuficiente para cubrir as necesidades de auga na bisbarra coruñesa á que nutre. Un trasvase anunciado por Augas de Galicia e o Concello da Coruña que se acorda sen analizar o impacto que poida provocar e que curisosamente acompaña unha posterior solicitude para autorizar a unha empresa do grupo Fergo o permiso para tender o cableado á rede de Unión Fenosa, sen avaliar o impacto ambiental e malia a advertencia da dirección Xeral de conservación da natureza que lembrou que unha parte desa condución afecta a un espazo protexido pola Rede Natura.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “se está a construír con fondos públicos unha infraestrutura para que a explote unha empresa na que teñen intereses membros do goberno municipal”. Semella prevalecer o descoido e o desleixo para avaliar a necesidade e o impacto dunha hidroeléctrica que se quere construír ao carón doutra infraestrutura especialmente sensible, o encoro que abastece de auga á cidade de A Coruña e ao seu cinto urbano. Todo elo ao servizo dun grupo empresarial con indisimulables vencellos con destacados membros do PP. A maridaxe entre política e negocios golpeando o interese público como marca de fábrica das actuacións do PP de Bárcenas e Lapuerta torna a amezar a saúde pública da nosa cidadanía.

Se constrúe un túnel de 1,4 km e 3,5 mtros de diámetro para conectar a balsa mineira co río Barcés, que desemboca no encoro de Cecebre, ou o que é o mesmo, conectar unha balsa mineira cunha zona LIC da Rede Natura. A maiores a xustificación pasa por reforzar as capacidades de subministro e para elo a Xunta opta por coller auga dunha balsa mineira, augas ácidas e pobres en osíxeno. Detrás dos pretextos asoma o negocio privado que move esta actuación: a construción dunha minicentral, malia as previsións do Plan Hidrolóxico que desbotaba novos aproveitamentos nas bacías Galicia-Costa.

O grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda a instancias do grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha Proposición Non de Lei para que non se constrúaa a minicentral no encoro de cecebre, o tenor literal da devandita PNL di:

 

O Parlamento Galego insta á Xunta de Galicia a non autorizar a construcción dunha minicentral hidroeléctrica no encoro de Cecebre.

Relacionados