20:30 horas. Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz visitaron A Coruña acompañados de Antón Sánchez e Mª Luz Canal para o acto de peche de campaña no Palexco. Un auditorio abarrotado horas antes do inicio do acto, un acto culmen para dúas semanas de intensa labor política.
Non son siglas, son persoas que están escoitando a voz da rúa
A actriz Flor Maceiras exerce de mestra de cerimonias, “non temos medo, temos fame”, facendo sona da mítica canción dos Diplomáticos de Monte Alto. “Política somos todos, a única clase política lexítima, e imos dar un zapatazo ao que será o Expresidente da Xunta.”
Mari Luz Canal tomou o atril, “milleiros de persoas teñen confianza en Alternativa, somos xente corrente, temos unha revolución en marcha”. A veterana avogada, deixou claro que en Alternativa Galega de Esquerda non son siglas o que moven ás persoas senón dar pulo á voz da rúa.
Antón Sánchez fixo do seu discurso unha metáfora, “neste país hai xente nova e preparada que loita pola economía local e sostible. Neste país cabe un mundo, cabe presente pasado e futuro. A alternativa está neste tomate, hai que botar fora aos insipidos, aos que non saben a nada”. Como enxeñeiro agrícola que é, declarou “hai dous tipos de tomate, de horta e de hipermercado. Un deles con sabor, aroma e personalidade, xa sabedes que tomate é Alternativa Galega de esquerda”.
O éxito sodes todos os homes e mulleres lúcidos deste país
Chegou o momento de Yolanda Díaz, candidata nacional con Xosé Manuel Beiras. Afirmou que Alternativa Galega de Esquerda existe grazas aos que loitaron para cambiar a realidade. “Hoxe, coma onte, o éxito sodes todos os homes e mulleres lúcidos deste país”.
Amosouse seria cando entrou na análise da situación actual. “Chegamos aquí porque estamos nun momento de suspensión de dereitos, onde o poder amosa a súa verdadeira faciana. Nós facemos política, odiamos á clase dos traxes e as garabatas: estamos cos de abaixo. Queremos democracia, temos que conseguilo!”.
Non esqueceu o xuízo que se está a desenvolver sobre a catástrofe do Prestige e sinalou como culpables aos xestores daquel momento. “Non están imputados os verdadeiros responsables: Álvarez Cascos e Mariano Rajoy”.
Rematou a súa intervención declarando, “a xente nova é quen máis apoia a nosa coalición electoral, que quererían nun futuro a consolidación de Alternativa Galega de Esquerda, en contra das reformas de Wert, e dar unha patada no cu a Rajoy e a Feijóo para inaugurar un novo escenario con voz propia”.
De aquí a pasado mañá, correde a voz. Adiante!
Finalmente, Xosé Manuel Beiras. Comezou a súa exposición dándolle a volta aos desafiuzamentos que están a vivir moitas familias en Galicia. “O goberno non pagou a hipoteca da liberdade e igualdade da cidadanía, polo tanto, fóra de San Caetano”.
Alternativa Galega de Esquerda, na voz da súa faciana máis visible, quere que a cidadanía produza, sabe que a cidadanía debe ser quen artelle a alternativa e converta a mobilización na plasmación dunha política feita dende a base.
Unha vez máis, salientou a especial situación de emerxencia que vive Galicia: “Ademais da gran depresión e da estafa, somos un país sometido á espoliación”. Continuou poñendo o futuro en mans da sociedade galega e facendo un chamamento á cidadanía emerxente. “É a hora da soberanía popular, da reconquista das liberdades cívicas e políticas”.
Rematou concluíndo que todo está en xogo, a xente está a tempo de espallar a mensaxe da coalición de cara ao domingo. “De aquí a pasado mañá, correde a voz. Adiante!”.