Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz (candidatos nacionais) visitaron Santiago de Compostela para celebrar un acto de campaña na Sala Capitol.
O acto, que estaba previsto para as oito e media da noite, comezou con certo retraso debido a gran cantidade de persoas que se congregaron para o evento. Media hora antes do inicio a Sala xa estaba abarrotada e se superaba o aforo máximo, quedando moitas xente fora, incluso da propia organización. As portas quedaron abertas para que os que optaron por quedar nos arredores puidesen escoitar o que sucedía dentro.
Un momento histórico
Martiño Noriega, alcalde de Teo e unha das figuras máis recoñecibles de Anova, abría o acto presentando aos participantes. Martiño, como en outras ocasións nesta campaña, falou da emerxencia e do acervo común que move á alternativa. Emocionado polo fervor do auditorio declarou que “agora estou convencido de que é un momento histórico. A xente do común quere paralos e avanzar”.
Xabier Ron, candidato cuarto e un dos homes máis fortes de EU, tomou o relevo para recordar o que se trata de acadar, “queremos vivendas dignas, hai que expropiar as vivendas baleiras aos bancos e promotoras, queremos ensino de calidade e non conselleiros de educación que regalan unha maleta aos alumnos máis capaces.” Tivo tamén palabras duras para Feijóo, “é un pútrido vento que pon cadeas aos corazóns da boa xente, a xente do común”.
Teñen que pagar
Yolanda Díaz falou a continuación, a avogada ferrolana e número dous de Alternativa tomou a palabra acirrada por un auditorio que berraba “hai que paralos!”, “temos que sumar forzas e dicirlles que xa está ben.”
A candidata pediu contas para os galegos, “non pararemos ata ver esposados a Gayoso e Méndez, dos cales Feijóo é cómplice, e temos que ver no banquiño dos acusados a tódolos responsables políticos da catástrofe do Prestige, entre eles a Rajoy”. Yolanda Díaz non perdoou a utilización interesada de capital entre os directivos de Nova Galicia Banco “mentres miles de persoas perdían os seus cartos coa estafa das preferentes”.
A incombustible Yolanda deu folgos a concorrencia, “é posible crear emprego mudando o sistema, este sistema non crea emprego, Alternativa Galega de Esquerda será o pulmón da xente común no novo sistema.” Un novo sistema que para a Díaz é necesario, inevitable, e terá como resultado unha dignificación de Galicia.
Unha Troika que están destruíndo modelos sostibles e provocando fame
Toda a sala posta en pé e ducias e ducias de zapatos no aire, chegaba a vez do profesor Xosé Manuel Beiras que nos últimos días pasou a ser o candidato máis visible da campaña.
Xosé Manuel Beiras repetiu a mesma mensaxe que os pasados días, “imos ser a chave decisiva dunha inexorable derrota de Feijóo”. Non foi a única mensaxe, pois o respectado profesor de estrutura económica foi debullando a Alternativa con palabras de creación, de reforma, de contrapeso e de esperanza.
O profesor declarou a guerra contra o espolio que sufre Galicia no rural, para ter un rural sostible e da xente. O profesor declarou guerra contra o espolio da enerxía, para que os beneficios da produción eléctrica repercutan no conxunto da cidadanía. O profesor declarou a guerra o espolio económico, para poñer os recursos ao servizo das persoas antes que dos bancos.
Xosé Manuel Beiras comprometeuse a que a economía de hoxe vire en favor das persoas, deixar de beneficiar as multinacionais. Por poñer un exemplo, “as superficies comerciais son superficies de arrase”, a aposta de Alternativa pasa por fomentar as pequenas e medianas empresas, incentivar o cooperativismo e poñer os medios para que os grandes non poidan facer competencia desleal. Todo un cambio perante “unha Troika que están destruíndo modelos sostibles e provocando fame”.
O acto de campaña concluíu nun enorme abrazo en forma de aplauso, que tamén chegou dende os que escoitaban ao outro lado das portas, un continuo “hai que paralos!” e un sentir colectivo de que a Alternativa Galega de Esquerda será unha realidade con forza transformadora o 21 de outubro