Mobilización 30 de xullo.

A convocatoria que realiza o sindicalismo de clase semella outra mobilización necesaria para defendelos dos ataques do PP e para acumular as forzas sociais suficientes para derrotar unha política tan criminal no social  como   inútil para superar a crise.

Esquerda Unida compromete o seu apoio xunto ao sindicalismo de clase galego e ao carón da cidadanía traballadora na nova xornada de mobilización do día 30. Xornada convocada contra os recortes e o desmantelamento dos servizos públicos.

A  condición dunha cidadanía social supón o exercicio efectivos dos nosos dereitos económicos, sociais e culturais, ou o que é o mesmo, a existencia duns afortalados servizos públicos. Todo o contrario desa voráxine de recortes nos servizos públicos  e desmantelamento de dereitos que acaudilla un PP que traizoa o seu programa electoral e comete fraude, restando nunha condición de ilexitimidade, ao executar medidas gravísimas que non validou nas pasadas eleccións xerais.

A faixa e as bandeiras de EU arrouparán as mulleres e homes que van saír de xeito masivo ás rúas na procura doutra sociedade, social, con dereitos e quen de garantir unha saída da crise favorable aos intereses das clases traballadoras.

Celebramos que de novo as mulleres e homes que somos maioría e queremos unha sociedade con dereitos e servizos públicos, condicións necesarias da nosa condición de cidadanía, saiamos as rúas de xeito unitario. Hoxendía a unidade das loitas e o requisito necesario para derrotar o PP e ás políticas de dereitas. Esquerda Unida vai continuar a traballar por xerar espazos de  colaboración e loita unitarios e plurais.

 

Relacionados