Mobilidade e bus urbano

Situación que viñamos denunciando dende fai tempo e que está a provocar que medre o déficit en canto a mobilidade que vive a nosa cidade, mais agora os datos dannos a razón, A Coruña é un auténtico caos de tráfico.

Esquerda Unida achaca a perda dun cuarto de millón de pasaxeiros nos buses urbanos ás desafortunadas políticas en mobilidade do PP. Nos últimos oito meses os autobuses urbanos perderon máis de 255.000 viaxeiros en comparación cos datos do 2011, pasando dos case 13,6 ata os pouco máis de 13,3 millóns actuais o que supón un descenso do 2%, cifra que contrasta co incremento nas liñas interurbanas que potencialmente deberían xerar máis uso do transporte urbano.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera fundamental apostar polo uso masivo do transporte público colectivo paro o cal e necesario facelo competitivo tanto en económica como en calidade. Non cabe dúbida que na dura coxuntura económica que estamos a vivir, a suba do billete en seis céntimos, pasando de 1,14 a 1,20, ten o seu impacto. De aí a nosa decida aposta porque o Concello estableza unha negociación coa Compañía de Tranvías para modificar as condicións do contrato de concesión asinado polo PSOE con cláusulas tan lesivas para os intereses dos coruñeses e coruñesas coma beneficiosas para a empresa concesionaria que no último ano obtivo 3,2 millón de beneficios e recibiu 7,2 millóns do Concello en concepto de subvencións a pasaxeiros. Máis o PP semella que non quere prexudicar a unha empresa cuxos donos pertencen a casta dos privilexiados poderosos na Coruña, pois négase a abrir esa negociación a pesares de saber que sería moi positiva para a economía da veciñanza.

Con todo, segundo os datos amosan un abraiante descenso das liñas afectadas pola retirada do carril bus o que ven a demostrar que a realidade é tozuda por moito que o PP pretenda maquillar os datos. Máis de 114.000 usuarios, case a metade do total que deixaron de utilizar o servizo pertencen á liña 4, que vai desde Monte Alto ata o Barrio das Flores, así unha das liñas máis afectadas pola retirada do carril bus perde un 8% de pasaxeiros demostrando o fiasco da rede prioritaria instaurada polo goberno municipal así como a utilización torticeira da información para transmitir falazmente á cidadanía que o sistema estaba a substituír con éxito o tan necesario carril bus, outra liña afectada, a 6, confirma a nosa afirmación ao perder93.000 pasaxeiros que en termos porcentuais supón un 7%.

César Santiso, indicou que “semella prioritario en canto a mobilidade axustar as tarifas do autobús a situación actual de crise e recuperar o carril bus para gañar en eficiencia e calidade”. Por iso apostamos pola tarifa única progresiva que consiste no pagamento do billete inicial e por cada transbordo ao longo do día, facer unha achega de  tan so un 10% do pagamento inicial, a gratuidade para os estudantes no seus traxectos cara ao seu centro de ensino, ou a subvención progresiva segundo a capacidade económica da unidade familiar, para os máis necesitados. Así como a utilización conxunta de carril bus, nas principais arterias da cidade complementado coa vía prioritaria para o resto de estradas primarias.

Santiso, subliñou que esta medida xunto coa creación de aparcadoiros disuasorios gratuítos, nas principais vías de entrada na cidade, conectados con buses lanzadeiras cara aos puntos neurálxicos como a zona centro, os polígonos industriais, a universidade e os hospitais, permitirá reducir drasticamente a utilización dos vehículos particulares e, xa que logo, mellorar moito a mobilidade na nosa cidade e reducir a contaminación, a dependenza do petróleo e a emisión de gases de efecto invernadoiro como o CO2. O que suporá aforrar cartos e mellorar a calidade de vida dos coruñeses e coruñesas, asemade de coidar o medio ambiente para xeracións futuras.

 

 

 

Relacionados