Mobilidade Mesoiro Vello

Esquerda Unida esixe que se mellore a mobilidade en Mesoiro Vello e que o PP cumpra coas súas promesas electorais na zona, xa que a súa conexión co centro da cidade é tremendamente deficitaria tanto en infraestruturas como en transporte público colectivo. O goberno municipal é sobradamente coñecedor da situación na que se atopan estas veciñas e veciños, mais continúa nunha posición de apatía sen ofrecer unha solución efectiva ao problema, que debe basearse en feitos reais e palpables, non na fermosa retórica a que nos ten acostumados o goberno local.

En EU consideramos que ninguén coñece mellor as necesidades dun barrio que os propios residentes, polo que nos facemos eco das súas demandas e en base a elas, o grupo municipal de Esquerda Unida- Os Verdes rexistra unha batería de preguntas de resposta escrita a fin de coñecer se o goberno municipal ten pensado incrementar a frecuencia de buses en Mesoiro Vello e as accións que ten previsto desenvolver para mellorar a mala ubicación das actuais paradas, entendemos que a veciñanza precisa unha garantía firme e non meros compromisos orais que rematan en saco baleiro. Concretamente o tenor literal das preguntas é o seguinte:

Ten previsto, o goberno municipal, ampliar a frecuencia das liñas 23 e 23A en Mesoiro Vello?

– Que accións vai desenvolver o goberno municipal para mellorar a mala ubicación das actuais paradas de bus en Mesoiro Vello?

Por outra banda, cabe lembrar o impacto positivo do autobús urbano para o medio ambiente, a saúde e a economía. Con políticas e investimentos máis decididos evitaríamos conxestión, contaminación e accidentes. Creemos que cando se fomenta o uso do transporte público colectivo dende o ámbito municipal se está achegando á cidade un beneficio social moi importante.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “resulta inadmisible que neste barrio exista tal incomunicación e illamento, tratándose dunha zona que precisa con urxencia conexións co resto da cidade. Apostamos polo autobús como unha ferramenta de política social, conectando as áreas máis desfavorecidas e afastadas cos puntos céntricos da cidade e de maior mobilidade social. Polo exposto, non podemos permitir que existan barrios na Coruña sen un bo acceso a este servizo básico e público”.

Relacionados