Mobilidade peonil

Esquerda Unida considera que acordarse agora da mobilidade dos peóns, ten que ser o efecto dalgún remordemento de consciencia, que seguramente terá o Sr Flores por algún motivo no que non imos entrar agora. Aledámonos, iso si, de que despois de tres anos no goberno, o Sr. Flores nos dea a razón, porque dende antes da nosa entrada en María Pita defendiamos que as cidades son e deben ser para as persoas, non para as construtoras, os bancos ou as industrias automobilísticas. Mais o valor e veracidade destas declaracións queda moi en evidencia, ao comprobar o nulo caso que se lle fixo a EU, que leva moitos anos reivindicando o protagonismo que debe merecer, por esta orde, peóns, bicicletas e transporte público sostible, en detrimento dos contaminantes vehículos a motor.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes lamenta que a falta dun ano para rematar o mandato, Negreira non desenvolvese nin unha soa acción a prol da mobilidade sostible e que aínda non se teña rastro do tan publicitado e caro PMUS. Semella imposible resolver o caos circulatorio que padece a cidade, promovendo os vehículos individuais a motor, como está a facer o PP. Mais, en todo caso tomámoslle a palabra ao goberno local, para ver se o que di vai en serio ou non, se ben dubidamos  sexa así, e de novo as palabras as levará o vento.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou “espero que o, polo momento agochado, análise de mobilidade poida lle dar algunhas luces ao goberno municipal, dado que ata agora, as súas políticas quedaban ben representadas pola imaxe dos acceso á cidade, como por exemplo onte en Alfonso Molina, con colas eternas de coches como nas películas americanas. Animo ao Concelleiro e mailo seu equipo a que vaian a visitar Vitoria, Sevilla ou Albacete para comprobar o grado de protagonismo dos peóns, que e ao que aspiran a nosa cidade”. Serán os feitos e os seus manexos, e por sorte non as palabras as que acabarán quedando coma legado deste errático goberno popular.

Relacionados