Mobilidade peonil

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia o progresivo incremento da ocupación das beirarrúas por coches e terrazas da cidade, fronte á pasividade e á permisividade do goberno local. O que debera ser unha excepción pasa a ser unha norma: á veciñanza está xa habituados a sortear día si día tamén unha multiplicidade de obstáculos nos nosos percorridos pola cidade. Rúas como as de Orillamar, a Av. da Habana, a peonil Rúa Barcelona, ou a rúa Santa Catalina atópanse cheas de coches. E toda escusa serve: que si o fútbol ou a recollida de carnés, que si a xestión no banco, que si é tan só un momentiño. O xa característico caos da mobilidade na cidade, e iso a pesar de ter unha concellería específica, tradúcese en que ninguén respecte que está prohibido aparcar e parar invadindo parte ou a totalidade da beirarrúa e incluso ás veces, o propio paso de peóns.

Por outra banda están as terrazas: xa é común ir facendo zig-zag nas rúa da Estrella ou na rúa dos Olmos, e circular pola rúa da Franxa cunha discapacidade física converteuse nunha odisea. Toca lembrarlle ao concello que estas rúas son peonís e que existe unha ordenanza de terrazas que hai que cumprir. A pesar de que este tipo de ampliación da hostalería sexan un atractivo, terá que facerse cunha orde, cumprindo ben a normativa do ano 2002 ben ou a máis permisiva recentemente aprobada.

Xa que logo, Esquerda Unida esixe ao goberno municipal que garante o dereito dos peóns a utilizar as beirarrúas e insta á concellaría de mobilidade a promover condicións axeitadas para un uso público e peonil das nosas beirarrúas, porque non chega con gastar os cartos en consultoras, se non que hai que tomar decisións a prol da veciñanza sen estar constantemente contabilizando a súa rendibilidade electoral.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, anima a adherirse ao foro de organizacións peonís, subscribindo a carta de dereitos do peón para “recuperar e fortalecer ese protagonismo perdido do peón na mobilidade cotiá”.

Relacionados