Mobilización de Gamesa Eólica

O Consello Comarcal de Esquerda Unida apoia as mobilizacións emprendidas polos tarballadores de Gamesa nas Somozas ante a ameaza de 80 despedimentos dos 240 traballadores que conforman o plantel, o que significa exactamente a terceira parte dos mesmos.

Uns despedimentos previstos no recente plan de axuste presentado pola compañía; e que leva os traballadores a tomar a decisión de comezar unha campaña de mobilizacións onde se inclúen protestas diversas e folga.

O recente plan de axuste presentado por Gamesa Eólica en todo o Estado Español, inclúe a reducción de man de obra directa e indirecta de 394 traballadores e traballadoras, e o peche de dúas plantas de producción de palas en Tudela e Albacete.

As causas que Gamesa presenta perante a CNAMV son meramente organizativas e de producción. Chama poderosamente a atención que non faga referencia a causas económicas, xa que Gamesa Eólica non pasa para nada por dificultades económicas; no que vai de trimestre obtivo beneficios superiores ós 7 millóns de euros e con esta medida de axuste e reducción de persoal tenta seguir inflando os resultados a custe dos traballadores e da destrucción de emprego.

Gamesa Eólica está inmersa nun proceso de cambio que consiste en reducir a producción de compoñentes eólicos de maneira radical, e pola contra mercar estes mesmos productos a outras firmas presentes no mercado a baixo custe, ou fabricar productos en países con economías en procesos evolutivos que levan consigo unha extrema precariedade laboral, onde o modelo productivo neoliberal campa ás súas anchas.

Gamesa Eólica afincouse nesta comarca, concretamente no concello das Somozas, no ano 1997, baixo o paraugas do Plan Galicia e cunha inversión por parte deste concello de case 450 millóns das antigas pesetas.

Hai que ter en conta un dato: no ano 2008 a planta de Gamesa nas Somozas contaba con máis de 720 traballadores, unha cifra extraordinaria, pero que ocultaba unha grande precariedade laboral, xa que máis da metade eran traballadores de ETT’s ou eventuais.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida esixe a implicación do Goberno municipal das Somozas, porque se dixo de sempre que o Concello e Gamesa Eólica tiñan máis relación do que é habitual entre institucións políticas e económicas. Presuntamente, as contratacións da empresa xiraron ó redor da alcaldía, e agora mesmo hai quen pensa que detrás deste axuste de despedimentos e peche de fábricas está familiar do rexedor municipal das Somozas que ocupa un cargo relevante na empresa no seu conxunto.

Este Consello Comarcal tamén esixe a implicación directa do goberno da Xunta de Galicia e das correspondentes Consellerías, porque son responsables directos das políticas enerxéticas que están a levar ó desastre absoluto, non só en termos de deslocalización de empresas e destrucción de emprego e tecido productivo, senón que a aplicación dos decretos 1/2012 e 2/2013 do goberno do señor Rajoy, que teñen paralizado o sector en Galicia, sen esquecermos a desastrosa política do reparto eólico do señor Núñez Feijoo que deixa un sector moribundo e sen futuro.

Convén lembrar que o seu reparto eólico deixou a Gamesa Eólica sen Mw, para darllos a supostas empresas amigas, como Jealsa, que nada teñen que ver co sector.

A maiores, Gamesa está a investir nas Somozas, nunha nova liña de producción, cartos que proveñen en parte de fondos públicos (ó redor de 2 millóns de euros do Plan Ferrol). É obvio, pois, que, os poderes públicos, concretamente a Xunta teñen que intervir neste proceso de desmantelamento.

Para Esquerda Unida faise preciso que se adopten decisións e se tomen medidas de urxencia porque a desfeita que está a sufrir esta comarca é a cada paso máis impresionante. As boas palabras xa non serven.

Esquerda Unida vai levar esta problemática do sector eólico na comarca de Ferrolterra ó Parlamento de Galicia por medio dunha iniciativa da Alternativa Galega de Esquerda.

 

Relacionados