O alcalde de Ferrol ten que tomar nota, cambiar o discurso e a súa práctica e asumir como propio, se quere ser o alcalde desta cidadanía, as demandas dun pobo que non atura máis recortes, subas de impostos e inxustizas.
A cidadanía de Ferrolterra esixe un referéndum sobre os contidos do decreto 20/ 2012, de 13 de xullo. As durísimas medidas que contén, nun verdadeiro secuestro da soberanía popular, non ían no programa electoral do PP, incluso foron rexeitadas de maneira explícita polos responsables actuais de impoñérnolas. Este fraude supón baleirar de lexitimidade a un goberno que somentes o é para os mercados, e que para a cidadanía traballadora apenas se comporta como un tirano fachendoso.
Ningún responsable público, por moi do PP que sexa, pode ignorar o alcance da contestación social a esta medidas que secuestran os nosos dereitos de cidadanía; contestación que é masiva e unitaria en atención a violencia das agresións que de cote sufren millóns de persoas no Estado, que restan sen traballo, sen protección social e incluso perden a súa casa para caer na pobreza e a exclusión social.
Esquerda Unida demanda que se rescaten os dereitos das persoas a ter unha vida digna e cese unha política de axudas aos banqueiros, especuladores e grandes empresarios que desfai a este país e que afoga a vida social e económica de Galicia.