Escena dantesca sobre o naval

EU participará nas mobilizacións sindicais convocadas na defensa do naval para o 16 e o 30 de maio.

Estamos a vivir un verdadeiro expolio de vidas humanas, de obreiros e obreiras aos que se lles arrebata o dereito a traballar por falta de vontade política. As perdas millonarias de Navantia non son froito da impericia laboral nin moito menos. Os recortes aos que se pretende someter aos traballadores e traballadoras pretenden paliar a falta de verdadeiras negociacións entre países potencialmente contratantes, que afunden un sector punteiro que se quere liquidar e vender ao mellor poxador. Temos a primacía tecnolóxica e humana no Naval público en Ferrolterra, e as políticas do Partido Popular van encamiñadas a recortar, pechar e vender. Pemex non vai reflotar á comarca. A incertidume planea sobre onde van recaer os contratos dos floteis, por outra banda minúsculos para a capacidade produtiva dos estaleiros ferroláns.

É lamentable que a presidenta dunha institución como o Parlamento Galego denigre aos lexítimos representantes da clase obreira da industria naval ferrolá, e que o presidente Feijoo refuse recibilos. É un bochorno para a dignidade do pobo galego, representada nas institucións e para EU Ferrol non cabe máis alternativa que a dimisión.

EU esixe que se redobre a acción política no exterior na procura de novos contratos e que se inxecte diñeiro público nos estaleiros da comarca, a través da construción do diqueflotante, do levantamento do veto a Navantia Fene e na profundización de novas áreas como a eólica mariña. A nula acción dos alcaldes do PP, tanto en Ferrol como en Fene, son síntoma da enfermidade que asola ao goberno, deixar morrer todo o que teña o cualificativo de público.

EU defende a postura contraria, non son momentos de recortes e privatizacións irreversibles, e o momento de a través dos fondos públicos estimular a economía, facernos competitivos e conseguir carga de traballo que repercuta na creación de emprego estable para una comarca que fenece sen remedio, afogada nunha taxa de desemprego inasumible para unha hipotética democracia social.

A mobilización sostida é o camiño para esixir un cambio de rumbo nas políticas actuais e EU estará sempre ao carón de todas as organizacións sociais na procura dunha rebelión democrática.

 

Relacionados