Mobilización polo dereito ao aborto

Estamos a ser testemuñas dun novo ataque aos dereitos das mulleres. A reforma restritiva da Lei do Aborto ignora os regulamentos da maioría dos países europeos e non respecta os acordos e convencións internacionais sobre a saúde e dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. O Consello de Europa defende que o aborto é un dereito fundamental, que a liberdade das mulleres para decidir sobre o seu propio corpo debe ser respectada e é deber do estado garantir o acceso ao aborto nunhas condicións seguras e axeitadas.

María Rozas, responsable nacional da área de muller e igualdade de Esquerda Unida manifesta que “a faciana máis retrógrada do Partido Popular considéranos ás mulleres seres incapaces, menores eternas que debemos ser tuteladas, decidindo por nós sobre a nosa maternidade, as nosas vidas e os nosos corpos. Baixo as presións da igrexa católica, pretenden arrebatarnos os dereitos conquistados, eliminando unha lei que conta co apoio da maior parte da poboación e responde á realidade social. Unha lei, que aínda con eivas, recoñece o dereito das mulleres á maternidade libremente elixida.

Viaxando ao pasado case 30 anos, a reforma regresiva da lei, obrigará ás mulleres a acudir ao estranxeiro para interromper o seu embarazo, e a quen non teña recursos a arriscar as súas vidas en abortos clandestinos. Esta reforma é, por tanto, alén dun ataque aos dereitos das mulleres, un novo ataque ás clases máis empobrecidas.

No entanto, o goberno desmantela os servizos sociais, ignora as medidas de conciliación laboral e familiar, reduce atrozmente as axudas á dependencia, elimina prazas en escolas infantís, recorta en igualdade, en sanidade pública, en educación. As políticas do Partido Popular aumentan a feminización da pobreza e a vulnerabilidade das mulleres, nunha situación de emerxencia social cun 55% das mulleres novas no paro e un 20% de pobreza infantil.

En Esquerda Unida estamos a participar activamente nas mobilizacións comarcais e nacionais en contra da reforma da lei do aborto e a traballar, tanto nos concellos como no Parlamento, para que non se modifique de forma restritiva a lexislación actual.

Agora máis que nunca, ante este ataque de tales características, cómpre unir forzas e defender os nosos dereitos. Dende Esquerda Unida animamos a participar na manifestación nacional convocada pola Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto, o 16 de Xuño ás 17.00 da tarde, en Compostela.

Relacionados