Mobilizacións 20 de xuño

 

As marchas convocadas polo sindicalismo de clase, en particular por CC.OO. e UGT,  reclaman a derrogación do golpe de Estado laboral do PP e a fin das políticas de recortes en materia dos dereitos económicos e sociais.

 

Os obxectivos da convocatoria coinciden coas demandas que vén formulando de xeito propositivo EU e concordan coa estratexia política da organización de esquerdas e ecoloxista que se afinca nunha crecente construción nas rúas dunha nova correlación de forzas que remate coa mellada hexemonía das políticas neoliberais. Son tempos de compartir co sindicalismo de clase e coma sempre a trincheira da defensa dos nosos dereitos  como cidadanía traballadora.

 

O coordinador comarcal de Esquerda Unida, o profesor Xosé María Dobarro salienta que “son tempos para construír de xeito partillado unha alternativa política favorable aos intereses da maioría social traballadora deste país” e, xa que logo, comprometeu a presenza nas rúas  de Ferrol este día 20 das mulleres e homes de EU, corolario lóxico do traballo cotián que no eido sindical producen as persoas vencelladas a EU.

 

A mobilización supón tamén un rexeitamento dunha política económica que lle entrega milleiros de millóns de euros aos banqueiros, responsables da crise e beneficiarios dela aínda hoxe, para despoxar de dereitos e servizos públicos á cidadanía. Por elo, o rexeitamento a un rescate que non arranxa nada e que se vai empregar como coartada para seguir no via crucis dos recortes vai configurar un dos eixos da participación de EU na devandita mobilización.

 

EU acompañará a mobilización do día cunha faixa propia, axudando ás mulleres e homes do sindicalismo de clase que van saír ás rúas a sumar forzas e intelixencias nun proxecto político e social alternativo favorable aos máis desta sociedade.

Relacionados