Mocidade en perigo

 Pero un poderoso canto de sereas desviou a nave da xusta formación cara a parámetros onde o máis importante era acadar o diñeiro da forma máis rápida posible nos sectores produtivos que se consideraban símbolo da nova riqueza. Moitos foron os mozos e mozas que deixaron de forma prematura os seus estudos e a súa formación. E traballaron neses sectores de nova riqueza. Mais o canto cesou. E agora a nave leva a un espazo de perda.

Os datos que o Inxuve extrae da Enquisa de Poboación Activa (EPA) sinalan que no 3º trimestre do 2010 había en Galicia 64.800 mozos e mozas de entre 16 e 29 anos en situación de desemprego, i.e. un 25,36%. A isto sumémoslle que a taxa de temporalidade para os que puideron ir traballando foi dun desacougante 53,73%. Se engadimos a franxa que vai de 29 a 34 anos, como fan algunhas enquisas, os datos son aínda máis tristes.

Se consideramos que a taxa de emancipación en Galicia no 3º trimestre do 2010 foi dun triste 27,21%, queda claro que o mercado laboral lanza as esperanzas de emancipación da mocidade á soleira da porta que os introduce, de novo, no fogar de seus pais e nais. Son máis de 303.000 os mozos e mozas de entre 16 e 29 anos que non poden emanciparse. E, por iso, con máis frecuencia, vémolos nos camiños que levan á emigración. Non é só a nefasta política laboral que proxecta o capitalismo salvaxe. Son tamén as nulas capacidades dos gobernadores por impoñer e dispoñer dunha política social de vivenda. Cos prezos e cos salarios actuais, coa precariedade e temporalidade…imposible emanciparse!

Cáseque todas as expulsións laborais producíronse no sector privado. Lóxico: no público, a formación aínda é requisito. Pero, ollo, a formación, por desgraza, no noso país, non é sinónimo de entrada no mundo laboral. Aí está a pedra que enlousa o futuro. Así, ollamos como a mocidade que decidiu formarse, e rematar os seus estudos universitarios, traballa en sectores onde esa formación é innecesaria e como a súa sobrecualificación se corresponde cun infrasalario. Por se fose pouco, a política de recurtes que ataca ao sector público leva a unha enorme perda de postos de traballo presentes e futuros, o que significa perda de calidade, eficacia e eficiencia dos servizos públicos.

Expúlsase á mocidade do futuro. O pesimismo aumenta e a mocidade pensa que vivirán peor ca os seus pais e nais. Ese pesimismo alimenta xa as nosas aulas. E frea mesmo os desexos de formarse. Total, pensan algúns, “Para qué? Para ir á cola do paro ou emigrar?”. E iso lévanos ao que os medios denominan NIN (estudan)-NIN (traballan), co risco que representa para o seu futuro.

Cómpre actuar. As receitas neoliberais non funcionan…como se pode ver no rescate irlandés…non hai moito considerada exemplo a seguir para varios dos medios de persuasión galegos. Cómpre cambiar de modelos formativos, produtivos e unha nova filosofía do traballo. Cómpre reducir a xornada laboral e incrementar a empregabilidade ao mesmo tempo.

E, por moito que algúns o neguen, aumentar a idade para xubilarse significa tamén eliminar posibilidades laborais para a mocidade. Significa tinguir de pesimismo o seu futuro.

Relacionados