Moción 426 euros

 

Non cesa o Goberno do Estado en descargar golpes e máis golpes antisociais sobre a clase traballadora galega e do conxunto do Estado. Mais a gravidade desta medida radica  en que desprotexe de xeito absoluto,  sen  crear outro sostén alternativo, a decenas de milleiros de persoas que tiñan como única fonte de ingresos a prestación por importe de 426 euros, prestación ben escasa e que en modo algún permite desenvolver unha vida digna no plano material. No noso país vense desprovistos dela uns 10.000 traballadores e traballadoras. Cifra que non vai deixar de crecer nos vindeiros meses segundo recoñecen todas as previsións. A retirada manu militari desa axuda, sen negociación política  nen cos sindicatos de clase, expresa a indignidade política e moral dun Goberno rendido  ás políticas de dereita e insensible ás angustias, dor e miserias que se abaten sobre as persoas que se atopan en desemprego.

 

A indignidade da medida vese resaltada  porque se insire nun paquete, outro, e van…,  no que se lle facilitan as cousas as grandes empresas coa libre amortización de beneficios até 2015, onde se acorda a regulamentación sen acordo co sindicalismo de clase das axencias privadas de colocación, entidades traficantes de persoas ( prohibidas ate mediados dos 90 cando as ETT,s foron legalizadas por un dos  Gobernos  González ), unha nova rebaixa no imposto de sociedades,  e a privatización de bens públicos como a sociedade estatal das lotarías e  AENA (  nesa nova modalidade de privatización mediante a declaración do estado de alerta e militarización dun servizo público que semella estratéxico pero que se lle entrega o capital privado ). Teima o Goberno en dar aos que teñen máis o pouco que conservaban os que nada temos.

 

A supresión da devandita axuda supón doutra banda un flagrante incumprimento do Goberno en relación con Esquerda Unida, que foi a promotora no debate sobre o   estado  dunha iniciativa para prorrogar estas axudas,  diante da gravidade social da conxuntura . No acordo parlamentar se estabeleceu que se prorrogaría esta axuda namentras o desemprego non caera por baixo do 17%, circunstancia que desgrazadamente non se produciu. Unha vez máis o Goberno incumpre aos seus compromisos para satisafecer aos mercados, derradeiro programa electoral do Goberno Central.

 

A retirada da axuda amosa a incoherencia do Goberno, que a aprobou para enfrontar a crise e que a retira cando a crise non deixa de arreciar, como se desprende das estimacións que adían o seu remate sen data segura.  Non se explica  a súa retirada  senón pola obsecuente submisión do Goberno os ditados do gran capital financeiro, sen importarlle ren nen as persoas nen o seu creto e coherencia á hora de desenvolver políticas de carácter social que enfronten á crise.

 

Nunha comarca, a de Ferrolterra, que ten unha das meirandes taxas de desemprego do conxunto da UE semella aínda máis inaceptable esta medida, que non resolve económicamente nada e que só expresa o compromiso antisocial do Goberno cos capitalistas, banqueiros e especuladores, que causantes da crise seguen a beneficiarse dela.  Xa que logo, o Grupo Municipal de Esquerda Unida presenta ao Pleno do concello de Ferrol a seguinte proposta de Acordos:

 

1ª.- O Pleno do concello de Ferrol insta ao Goberno do Estado á retirada  do paquete de medidas antisociais aprobadas no Consello de Ministros do 3 decembro, e moi en  particular da supresión da prestación de 426 euros ás traballadoras e traballadores en situación de  desemprego.

2ª.- O Pleno do concello de Ferrol acorda comunicar este acordo á Presidencia do Goberno.

Relacionados