Moción día internacional da muller

 

Unha situación debida principalmente aos recortes de conquistas sociais iniciado polo PSOE e continuado con maior virulencia polo PP.

 

Esquerda Unida presenta unha moción para que o concello aplique políticas a prol da verdadeira igualdade entre homes e mulleres. Pois, en lugar de tomar as medidas para que se dean as condicións efectivas para a integración total das mulleres no mercado laboral con plenos dereitos, tanto salariais como profesionais, o PP volve á carga con reformas laborais e con anuncios de reformas que aumentarán o desemprego e a feminización da pobreza.


As xa retrógradas anteriores reformas do sistema de pensións, marcadas polo sexismo máis alarmante, ademais de desfavorecer aos sectores xa de seu máis vilipendiados economicamente pola extinción do precario “estado do benestar”, traerá consigo aínda maior número de mulleres maiores na absoluta pobreza.

 

Se por si mesma a chamada “lei de dependencia”, tiña un enfoque sexista ao incentivar ás mulleres a relegarse ás tarefas do coidado, a decisión de non continuar financiándoa, significa que ademais os poucos resortes de alivio que ofrecía dita lei, agora ven afogados pola falta de orzamento. A consecuencia desta situación darase unha máis rápida involución cara aos vellos roles patriarcais.

 

A conciliación entre a vida laboral e familiar igualmente segue sendo, unha expectativa. Os homes seguen sen compartir equitativamente as cargas familiares e as tarefas domésticas. Porque para que isto ocorra, non é só necesario leis que o regulen, senón tamén, e moito máis importante, crear unha conciencia social de igualdade que transforme a cultura patriarcal e sexista que aínda existe. 

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao Goberno do Estado que non restrinxa os dereitos das mulleres e paralice calquera reforma regresiva, como a da lei de interrupción voluntaria do embarazo. A anunciada reforma da Lei de Interrupción voluntaria do embarazo, aos supostos do 85 e ao permiso paterno para as mozas, retrotrae ás mulleres aos momentos da transición política considerándonos como seres incapaces para decidir sobre o seu presente e futuro e, ás mulleres novas négalles a posibilidade de decisión sobre as súas propias vidas.


O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o desemprego, a reforma laboral e as retrógradas leis de inmigración, fan que a pobreza e a exclusión social teñan cara de muller, nova e inmigrante”.


César Santiso subliñou que “o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, é a data propicia, para que este Concello mostre verdadeiramente a súa vontade de pór as bases reais, para que a igualdade das mulleres sexa un feito e non unha mera aspiración cunha serie de medidas destinadas a unha transformación real da nosa sociedade, onde as mulleres sexan cidadás en plenitude de dereitos”.

 

Parte resolutiva da moción:

 

O Pleno do concello da Coruña asume o compromiso político de traballar para xerar un municipio de suxeitos iguais en dereitos e obrigacións, utilizando os medios legais existentes e posibilitando as canles e os recursos económicos para que homes e mulleres teñamos as mesmas posibilidades de desenvolvemento, a través das seguintes medidas:


Incrementar o orzamento destinado a políticas transversais e específicas destinadas a conseguir a igualdade entre mulleres e homes.


Erradicar a segregación laboral nas políticas de emprego que se emprendan no municipio.


Aumentar os recursos materiais e de persoal para a prevención e atención das mulleres en situacións de especial vulnerabilidade.


Implantar campañas educativas, en colaboración cos centros escolares do municipio, baseadas na concienciación entre as e os máis novos.


Coordinar programas coas asociacións e colectivos sociais que fomenten a igualdade e a corresponsabilidade.


Erradicar anuncios ou emisións que conteñan expresións sexistas no ámbito público.


Fomentar a imaxe pública das mulleres e a súa participación nos asuntos públicos.

 

Elevar ao Goberno do Estado, a esixencia de non restrinxir os dereitos das mulleres e paralizar calquera reforma regresiva, como a da lei de interrupción voluntaria do embarazo. 

Relacionados