Esquerda Unida considera que o PP está a mercantilizar o ensino e a expulsar aos fillos das familias traballadoras da universidade. Os continuos recortes supoñen un ataque directo ó estudantado e á educación pública, empobrecéndoa, e favorecendo á educación privada e ás empresas que interveñen nela.
Os recortes que máis dano fixeron ó estudantado foron as coñecidas subas de taxas que xa obrigaron a abandonar a universidade a milleiros de estudantes en todo o Estado, pero tampouco debemos esquecer o intento do goberno do PP de suprimir certas carreiras universitarias por non seren “productivas” ou rendibles economicamente.
A estes recortes xa coñecidos, temos que sumar o recente recorte nas becas SÉNECA, impedindo a mobilidade intraestatal ao estudantado que non poida costearse todos os gastos; deixando de ser a mobilidade un dereito e pasando a ser un privilexio dos adiñeirados.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción para que o Pleno do concello amose o seu apoio a folga estudantil e o rexeitamento a lomce e aos recortes en ensino. Non debemos esquecer que o anteproxecto da LOMCE (Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa), mercantiliza aínda máis a educación coa introducción de axentes privados e pretenden aumentar a competitividade entre o alumnado porque ten coma fin facer da educación un negocio.
Queda patente que estes recortes non son máis que un desmantelamento da educación pública, antepoñendo a rendabilidade económica á calidade educativa, e así o pon de manifesto a mobilización activa do estudantado mediante folgas e manifestacións en todo estado.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “apoiamos a folga estudantil e participaremos activamente nas distintas mobilizacións na procura de que Wert de marcha atrás as súas medidas ideolóxicas reaccionarias”.