Calcúlase que as persoas afectadas por esta enfermidade son unha de cada 100, cun número moi elevado de casos sen diagnosticar. Trátase da enfermidade intestinal crónica máis frecuente no noso país.
A enfermidade celíaca é unha intolerancia permanente ao gluten que produce trastornos e alteracións importantes no organismo, sendo o seu único tratamento o seguimento dunha dieta estrita sen gluten de por vida.
Segundo indican a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) e a Federación de Asociacións de Celíacos de España (FACE) o non seguimento estrito da dieta sen gluten supón un grave prexuízo para a saúde do celíaco, aumentando o risco de desenvolver outras enfermidades.
O uso de determinados cereais como trigo, cebada ou centeo na elaboración de produtos de consumo xeral atópanse no 70% dos alimentos comercializados na Unión Europea. Porén, os enfermos celíacos deben substituír estes alimentos por produtos especiais sen gluten, de custo moi superior. O seguimento dunha dieta sen gluten produce un gasto extra que, segundo os estudos, é de en torno aos 1500 euros por ano.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida considera necesario proporcionar axudas aos enfermos celíacos para afrontar este custo, como xa se fai na maioría dos países da Unión Europea. Outro dos problemas fundamentais cos que se atopan os enfermos celíacos e o grande descoñecemento da enfermidade nas escolas, restaurantes, comedores, etc.
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro.- Aprobación de axudas económicas, en función da renda, para a compra de produtos alimenticios por parte das persoas afectadas pola enfermidade celíaca.
Segundo.- Que nos comedores escolares se proporcionen menús sen gluten para os nenos celíacos.
Terceiro.- Realización de campañas de información e concienciación para a diagnose temperá da enfermidade e para divulgar o coñecemento da mesma por parte da poboación en xeral.