Na Estratexia de Atención ao Parto Normal do Ministerio de Sanidade e na Guía Técnica do Proceso de Atención ao Parto Normal e Puerperio do Sergas incídese nas recomendación feitas pola OMS (Organización Mundial da Saúde), dende o ano 1985, co obxectivo de procurar unha maior calidade na atención ao parto.
Como se recolle na Guía Técnica do Ministerio nos últimos anos a atención ao parto veuse afectada por unha excesiva medicalización así como a realización dalgunhas prácticas rutinarias que son innecesarias e que están hoxe contraindicadas.
Na actualidade, según constatou Esquerda Unida Compostela, no Hospital Clínico de Santiago de Compostela non se están a cumprir as directrices marcadas na atención ao parto. Séguense a realizar de forma rutinaria intervencións innecesarias, obsoletas, molestas e desaconselladas para a saúde da nai máis da crianza, como, entre outras, non permitir que a xestante teña liberdade de movemento durante a dilatación, a episiotomía rutinaria, o emprego abusivo da oxitocina e a imposición da posición materna durante o expulsivo.
Esta situación leva a moitas mulleres da comarca de Compostela a desprazarse a outro hospital para conseguir unha asistencia ao parto segundo a normativa vixente.
O Consello Comarcal de EU Compostela considera que tampouco se está a asesorar ás interesadas sobre os diferentes plans de parto e o dereito a decidir sobre as distintas alternativas, aínda habendo un Hospital da rede Pública (o do Salnés), onde si se cumpren as recomendacións dos distintos Organismos sobre a adecuada Atención ao Parto Normal e Puerperio, restrinxido a xestantes sen complicacións pola falla dunha Unidade de Coidados Intensivos para Neonatos.
Entendemos que o CHUS, dotado de dita Unidade Especial, si que deberá proverse dun plan de Parto Normal que recolla diferentes opcións posicionais para o parto (incluída a inmersión), de liberdade de movementos durante o período de dilatación e de consensuamento no uso de fármacos ou de actos cirúrxicos ben cuestionados por estudos pertinentes.
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDOS
Primeiro.- Que o Pleno inste a Consellería de Sanidade para que no hospital de Santiago de Compostela se proporcione unha atención ao parto de calidade e segundo a normativa vixente