eu.gif - 5.78 Kb

Moción Audiencia Provincial

 

As eivas que padece a administración de xustiza en xeral se agravan no que atinxe  á cidade de Ferrol, que sofre un  agravio comparativo continuado sendo desoídas  de maneira reiterada as  diferentes demandas que os profesionais do dereito e os sindicatos de clase representativos das traballadoras e traballadores veñen en demandar.  Aínda cando se redacta esta moción o aspecto físico, debido a unha parálise inaceptable das obras, que ofrece a sede dos xulgados na cidade presenta un aspecto deplorable, que incluso pon en risco ás traballadoras e traballadores que desempeñan neles o seus importantes cometidos para o bo funcionamento da administración de xustiza, que é tanto como dicir para o correcto funcionamento do Estado de Dereito. 

 

Este Grupo Municipal quérese facer eco de vellas e non satisfeitas demandas  que no eido da administración da xustiza  arrastra a nosa cidade, a nosa cidadanía  e os profesionais que se adican ao dereito. Ferrol é a única das sete grandes cidades galegas que non conta cunha sección da Audiencia Provincial. A Audiencia provincial da Coruña conta cunha sección na cidade de Compostela ( sección 6ª  do Civil-Penal ). E a Audiencia provincial de Pontevedra dispón tamén de dúas seccións na cidade de Vigo ( seccións 5ª e 6ª do Civil-Penal ).

 

Esta petición axústase ao prescrito na lei 38/1988, de 28 de decembro, de Demarcación e Planta Xudicial, que contempla no seu artigo3.5 a posibilidade de que sexan creadas seccións da Audiencia fóra da capital de provincia. Numerosas razóns militan a favor da creación desta sección na nosa cidade, no partido xudicial de Ferrol: non son as menores a carga de traballo derivada da nosa cidade e que ten que empregar  tempo e diñeiro  na obriga de se desprazar  á capital da provincia, circunscrición que noutro orde de cousas non forma parte da tradicional forma de artellamento territorial do noso pobo. A  Lei Orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial, reserva ao Goberno do Estado a creación destas seccións, oídos de xeito preceptivo a Xunta de Galicia e o Consello Xeral do Poder Xudicial.

 

O partido xudicial de Ferrol  non conta cos medios xudiciais suficientes. A nosa cidadanía sofre a preterición que padece o partido xudicial:  cómpre salientar que somentes Ferrol resta como a única cidade galega sen sección da Audiencia, o que semella pouco razoable, oneroso en termos de tempo e diñeiro, e sobremaneira inxusto.

 

Doutra banda, a nosa cidade necesita, segundo o criterio compartido dos profesionais do dereito, un novo xulgado de primeira instancia adicado á familia, que facilite a resolución en tempo razoable das demandas formuladas pola nosa cidadanía. Saltan cada pouco nos xornais e adoitan ser frecuentes as dilacións indebidas a conta da insuficiencia de medios materiais e humanos que lastran á nosa administración de xustiza. A Xustiza en Galicia ten unha primeira  eiva na falla de xulgados e sabido é que a xustiza que chega a destempo perde a súa condición de xustiza. E os poderes públicos deben velar por garantir os recursos necesarios e suficientes para que a administración de xustiza poida cumprir con eficacia a súa fundamental laboura.

 

Xa que logo, o Grupo Municipal de EU presenta ao Pleno do concello de Ferrol a seguinte proposta de acordos:

 

Primeiro.- O  Pleno do concello de Ferrol  insta  ao Goberno da Xunta de Galicia a  que  formule ao Goberno do Estado a petición de creación  dunha sección da Audiencia na nosa cidade, acordo que irá acompañado da dotación orzamentaria correspondente para a súa posta en funcionamento cos medios materiais e humanos precisos.

 

Segundo.- O Pleno do concello de Ferrol  insta  ao Goberno da Xunta de Galicia a que formule  ao Ministerio de Xustiza a demanda para crear na   nosa cidade un novo xulgado de primeira instancia adicado á familia, creación acompañada dos recursos orzamentarios axeitados a tal finalidade.

Relacionados