compostela2.gif - 4.78 Kb

Moción axudas pago hipoteca

Os axentes sociais do noso Concello alertan que a situación de abafo está afectando a cada vez máis persoas que, sen emprego e sen coberturas, corren o risco de perder a súa vivenda habitual para a que destinan case todo o seu salario (en réxime de alugueiro ou en réxime de propiedade), quedándolles moi pouco para satisfacer outras necesidades básicas (alimentación, roupa…). Ademais de perderen o seu dereito constitucional a unha vivenda digna, estas persoas poderían encamiñarse cara a unha situación de risco de exclusión social.

 

Por iso, entendemos prioritario que o Concello asuma, despois de reunirse cos axentes sociais, destinar unha determinada porcentaxe dos vindeiros orzamentos –e con criterio de continuidade nos vindeiros exercicios orzamentarios- para facerlle fronte a esta situación de emerxencia social. En dito encontro deberían formalizarse os requisitos da convocatoria anual para acceder á axuda, especificar os tramos e as contías a percibir de forma clara, asi como os criterios de exclusión.

 

En boa lóxica, e en unión cos axentes sociais do municipio, coordinados polo departamento de servizos sociais, debe conformarse un órgano de supervisión e xestión que vele polo bo uso das axudas e que, de forma previa, realice un estudo que certifique as persoas demandantes cumpren cos criterios de acceso que se fixen, que controle que a axuda se destina para permitir o mantemento do pago da hipoteca da vivenda habitual. Semella innecesario dicir que esta axuda desaparece en canto a causa que provoca a súa concesión desaparece. E, ao mesmo, debe garantirse que se cumpren os criterios de confidencialidade necesarios.

 

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

 

 

ACORDOS

 

Primeiro.- Crear unha convocatoria anual, a cargo dos orzamentos do Concello, de axudas para o pago da hipoteca ou alugueiro en situacións de emerxencia social.

 

Segundo.- Manter un encontro cos axentes sociais do municipio para conformar as bases que regularían dita convocatoria, con criterios claros á hora da concesión ou á hora da denegación.

 

Terceiro.- Articular un órgano de xestión e supervisión, con participación dos axentes sociais, para garantir que as demandas e as axudas se destinan ao fin da convocatoria.

 

Cuarto.- Desenvolver unha campaña informativa para dar a coñecer a súa existencia.

Relacionados