Moción banca pública

Esquerda Unida denuncia que o FROB pretende vender a prezo de saldo Novagalicia banco logo de investir máis de 9000 millóns. En outubro de 2011, Novacaixagalicia, entidade xurdida da fusión de Caixanova e Caixagalicia, ante os graves problemas de capital, é intervida polo Estado mediante o fondo de Reestruturación Ordenada da Banca FROB que aportou 2.465 millóns de euros controlando o 92% da entidade. Practicamente un ano despois o FROB  inxectou 5.425 millóns de euros de axudas procedentes do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE). Estamos a falar de máis de 7.800 millóns de euros nesa altura, hoxe xa son máis de 9.000 millóns.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción para que o Pleno do Concello inste aos poderes públicos a que en lugar de vender Novagalicia banco se convirta nun banco público galego, baixo o seguinte texto:

Primeiro.- Instar aos poderes públicos pertinentes para que abandonen a idea de vender Novagalicia Banco a entidades financeiras privadas.

Segundo.- Converter NovagaliciaBanco nun Banco Público real que recupere as vellas ideas de Banco de crédito local, agrogandeiro, industrial e mesmo de crédito oficial, figuras hoxe extintas dentro da venda de Argentaria ao BBVA. Un Banco Público galego para financiar a economía produtiva galega: a nosa industria, o noso agro, os nosos estaleiros e os nosos concellos para ter un instrumento que converta o esforzo de todos e todas en futuro, un instrumento público controlado polo Parlamento de Galicia que evite o oscurantismo que derivo na situación actual de estafa e abuso dos cidadáns que teñen que ser os rescatadores da nefasta xestión da caste política e financeira dominante no noso país nos últimos anos.

Terceiro.- Considerar que a Obra social e o concepto de reinversión na economía produtiva, na cultura, na sanidade e na educación do beneficio financeiro so é posible a través dun banco público como o que este grupo solicita.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o PP pretende vender á banca unha entidade que a día de hoxe é un banco formalmente público rescatado con cartos de todos e todas, e que podería converterse na ferramenta para que o crédito fluía entre as empresas e familias traballadoras galegas, reactivando a economía e xerando emprego”.

 

Relacionados