Moción CAMF

 

 

Os CAMF son centros residenciais que se rexen polo Estatuto Básico dos Centros  Residenciais de Minusválidos do IMSERSO ( cunha normativa arcaica,  de preto de 30 anos) , que fixa entre os deberes dos beneficiarios e beneficiarias  o pago puntual do importe das liquidacións das estancias e dos outros servizos que se establezan. Pagamentos que supoñen o cobro do 75% dos ingresos, calesquera que sexan, percibidos polas e polos residentes. Situación que non se aplica en outros centros do IMSERSO, os cales ofertan outros servizos que resultan dun custo semellante ou aínda maior que o propiamente residencial, caso do Centro Parapléxicos de Toledo ou do Centro de Bergondo. Práctica que supón desbotar calquera criterio progresivo sobre a renda dos e das beneficiarias.    A maiores, queremos facer notar que non é xusto o actual modelo tarifario para as persoas obrigadas a residir nestes centros.

 

O noso Grupo quere salientar que esa modalidade de pago indiscriminado supón, para as moi numerosas persoas que reciben unha pensión non contributiva ou das outras pensións moi baixas, deixar as e os usuarios coa irrisoria cantidade de 100 euros mensuais para ao resto de gastos e para a súa inserción na vida social. Non se nos pode agochar a  manifesta imposibilidade material  para procurar unha mínima inserción na vida social da comunidade con semellantes cartos.

  

Xunto con esta cuestión económica hai que referir a precariedade  de medios dos centros. No caso do centro de Ferrol, que conta con 110 residentes de todo o Estado só se conta con 2 vehículos adaptados para o transporte dos  e das residentes, pero que só atenden desprazamentos oficiais, que non se poden empregar para actividades que propicien a integración social.  Case sen cartos e cunha precariedade de medios evidente, a pretendida integración social das persoas con discapacidade física semella entón unha tarefa imposible.

 

Xunto o antedito, hai unha segunda situación sobre a que o noso Grupo quere botar luz, e que supón un agravio económico entre uns e outros residentes. En datas recentes creouse en Castela e León un novo centro para a atención das minusvalías físicas, que ten como sinal distintivo o seu carácter gratuíto. A nosa organización non entende que criterio se segue para decidir a gratuidade ou non de centros que atenden unha mesma minusvalía. Padece o principio de igualdade.

 

Corresponde tamén achegar unha ulterior consideración de importancia, que pon de manifesto a mala organización destes centros, que dependen do Ministerio de  Sanidade e Políticas Sociais. O devandito centro castelán-leonés publicitouse como residencia permanente   e en atención a este criterio houbo  unha serie de residentes do centro ferrolán e doutros centros que se trasladaron a aquel. Logo, a realidade  amosou que   o centro de Castela-León  é de estancia temporal, até un máximo de 18 meses. Esta situación xera un importante problema social toda vez que os residentes no centro temporal esgotan o prazo e xa non teñen praza nen  no centro de Ferrol nen   ningún outro. Subliñar que os traslados se fixeron sen que se advertira aso residentes da condición temporal do centro novo.

 

En resumo atopámonos cunha mistura superlativa de desorganización, confusión e inxustiza, que ao xuízo do noso Grupo non pode deixar indiferente ao Ministerio nen por suposto ao noso concello.

  

No que respecta ao concello de Ferrol, este Grupo Municipal considera que o Goberno Municipal pode coadxuvar a mellorar a situación concreta das e dos discapacitados  residentes na nosa cidade, mellorando a partida orzamentaria que a Concellería de Benestar adica aos bonos sociais para o transporte das e dos discapacitados no único taxi adaptado que hai na nosa cidade. A nosa organización considera que  xunto  o incremento da partida adicada aos bonos sociais se terá que conceder polo concello unha segunda licenza de taxi adaptado para desta maneira mellorar un servizo que adoita estar saturado.

 

Xa que logo, o Grupo Municipal de Esquerda Unida  formula ao Pleno do concello de Ferrol a seguinte proposta de ACORDOS:

 

1.- O concello de Ferrol insta ao Ministerio de Sanidade e Políticas Sociais  a modificar a actual política de cobro polas estancias nos CAMF, ao obxecto de procurar que o sistema respecte os criterios de xustiza social e progresividade, para desta maneira coadxuvar a necesaria integración social das e dos minusválidos físicos.

2.- Que a Concellería  de Benestar incremente de maneira significativa  a partida adicada aos bonos sociais para o taxi adaptado, para todas aquelas persoas cuxo nivel de ingresos así o xustifique.

3.- Que a Concellería de Tráfico realice as xestións oportunas para garantir a concesión dunha segunda licenza para taxi adaptado.

Relacionados