Unha das maiores loitas, que por desgraza aínda hoxe cómpre levar a cabo, é erradicar as desigualdades que se producen por cuestión de sexo, debido á nosa cultura patriarcal e machista, polo que EU Compostela xa presentara unha moción o pasado 25 de novembro, esixindo unha casa de acollida para mulleres que sofren calquera tipo de maltrato.
Pero a loita pola igualdade de xénero ten que, ademais de levar a cabo todas as medidas necesarias para axudar as mulleres maltratadas, ser constante na concienciación diaria para rematar con esta lacra, medida pola cal é recomendable a creación da Casa das Mulleres.
Este espazo público, xa existente noutras cidades, sería un punto de encontro, debate e reflexión das mulleres para poder acometer esta loita nun lugar aberto á participación, xa sexa a título individual ou formando parte de algún colectivo, nas diferentes actividades culturais, formativas ou lúdicas que se realicen, sempre partindo da necesaria participación cidadá.
A Casa da Mulleres ten que lograr ser un espazo no que se incida e inflúa nas políticas, programas e proxectos que teñan como obxectivo avanzar cara a consecución real e efectiva da igualdade entre mulleres e homes, sendo necesario, polo tanto, a participación das mulleres como cidadás activas que exercen os seus dereitos e sexan as protagonistas nas reivindicacións e mobilizacións que buscan a transformación social cara unha sociedade igualitaria.
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDO
Primeiro.- Levar a cabo as actuacións necesarias de debate e participación co tecido asociativo da cidade para desenvolver o proxecto da Casa das Mulleres.