Moción pago ao Circo de Artesáns

 

Non cabe dúbida de que o Circo de Artesáns é unha das sociedades máis emblemáticas da Coruña, basta dicir que os tradicionais apropósitos coruñeses de Carnaval teñen os seus orixes nesta sociedade que dispón dunha importante biblioteca cuxa catalogación data de principios do século pasado. A mesma “Universidade Popular” ten os seus orixes na sociedade, así como entidades tan importantes como a Real Academia Galega ou a Asociación da Prensa.

 

Na actualidade o Circo de Artesáns está nunha situación agónica, a sociedade atópase totalmente afogada economicamente, ata o punto de que os seu seis empregados levan tres meses sen cobrar os seus salarios. A dita situación débese a que o grande descenso de socios, de 3.300 nos anos 80 a os actuais 160, o que impide facer fronte aos custos de mantemento da instalacións e o pagamento dos salarios do cadro de persoal que levan catro meses se cobrar e teñen pendente media paga extra do Nadal.

 

Esquerda Unida propón que o Goberno municipal axilice o pagamento do importe estipulado no convenio co Circo de Artesáns. Os seis traballadores e traballadoras atópanse nunha situación económica extrema, tendo que pedir cartos aos seus familiares para poder subsistir e incluso, nalgúns casos, vendo perigar a súa propia  vivenda debido á devolución de recibos da hipoteca e baixo a ameaza de ser incorporados no arquivo de morosos. O dito escenario forzou a que a totalidade do cadro de persoal convocase e secundase unha Folga de dous días, 30 de abril e primeiro de maio, para denunciar a situación e reivindicar o seu dereito a cobrar polo traballo desenvolvido.

 

O grupo municipal de esquerda unida – os verdes rexistra unha moción para debater no vindeiro pleno coa intención de que o concello facilite, dentro das súas competencias, que o cadro de persoal cobre o se salario co obxectivo de aliviar a súa delicada situación. Así, a parte resolutiva da moción propón a seguinte proposta de acordo:

 

Primeiro.- O Pleno do Concello da Coruña insta ao Goberno municipal a axilizar as xestións administrativas encamiñadas ao pagamento ao Circo de Artesáns do actual trimestre, para que este se faga de maneira inmediata e urxente.

 

Segundo.- O Pleno do Concello da Coruña insta ao Goberno municipal a establecer un proceso de diálogo coa nova dirección do Circo de Artesáns para que os ingresos trimestrais do Concello revertan prioritariamente no pago das nóminas do persoal.

 

Terceiro.- O Pleno do Concello da Coruña insta ao Goberno municipal a adiantar o pago do terceiro trimestre para que o Circo de Artesáns poida facerse cargo dos salarios pendentes de pago do cadro de persoal e regularizar así a súa situación.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o Concello, logo de asinar o convenio de colaboración co Circo de Artesáns, ten certo grado de correspoonsabilidade na grave situación que están a vivir os seus traballadores e traballadoras, esperemos que o Goberno municipal non agache a cabeza e actúe con dilixencia e responsabilidade neste tema transcendental para seis familias traballadoras coruñesas”.

Relacionados