Así, aplícase un gravame especial de atracción de rendas non declaradas. É dicir, unha amnistía fiscal para defraudadores. Facenda endurecerá o réxime tributario en 2013, pero con anterioridade permitirá unha regularización extraordinaria de capitais, previo pago dun gravame complementario do 10% do importe dos bens.
Atopámonos pois, diante de agasallos fiscais para unha minoría privilexiada, os defraudadores, e sufrimento para a maioría social. A fórmula supón un agravio comparativo para os contribuíntes que cumpran, aos que se grava ata o 52% no IRPF, mentres que os defraudadores poderán pagar un 10% e evitar recargas e sancións.
Esquerda Unida esixe ao Goberno central que retire a amnistía fiscal e desenvolva unha reforma fiscal xusta e progresiva. Segundo o PP, con esta medida excepcional, pretende recadar 2500 millóns de euros, porque pensan que aflorarán os capitais ocultos. En realidade, estes orzamentos violan o artigo 31 da Constitución Española: “1.Todos contribuirán ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividad que, en ningún caso, terá alcance confiscatorio”.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistra unha moción para que o pleno da Coruña solicite que se presente un recurso de inconstitucionalidade contra a amnistía fiscal.
Con esta medida o Goberno do PP a través do seu ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, está a demostrar que non ten ningunha vontade política para loitar contra a inmensa fraude fiscal existente no noso país, situado segundo as cifras dos técnicos de Facenda en preto de 100.000 millóns de euros anuais, 66.000 millóns nas grandes empresas e 33.000 millóns noutras operacións con diñeiro negro.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “aplicando un 35% de tributación ás grandes empresas que facturen máis dun millón de euros e obteñan beneficios recadaríanse 13.000 millóns €, 30% mais que os 10.000 millóns que o goberno recadará cos recortes en sanidade e en ensino, 7000 e 3000 respectivamente, porque actualmente as grandes empresas están a cotizar un 16,3% mentres que o resto o fan ao 22% e as pequenas ao 20%.