Moción contra a homofobia

 

No seu instituto, próximo ao estadio de Riazor, o seu nome e a súa orientación sexual foron expostos, con perversa crueldade, en pintadas realizadas na mesma entrada do centro no que cursa estudos.

 

Esquerda Unida rexeita calquera tipo de manifestación homófoba e solidarízase con Carlos, protagonista das pintadas homófobas aparecidas nun instituto coruñés, e con todos os homosexuais que están a sufrir algún tipo de acoso na súa vida. Ser gay non é algo reprochábel, non é ningunha enfermidade e moito menos, non é escusa para torturar e avergoñar publicamente, a un adolescente pola súa orientación sexual.


Recentemente e en relación ao festival Coruña Visible o concelleiro de Servizos Sociais Miguel Lorenzo dixo textualmente que quería “normalizar e defender a igualdade real deste colectivo” (referíndose ao colectivo LGTB) polo tanto dende EU-V esiximos ao Concello da Coruña que tome medidas en relación ás recentes mostras de homofobia.


O grupo municipal de esquerda unida – os verdes presenta unha moción para desenvolver dende o Concello un plan contra a discriminación por razón de sexo ou orientación sexual, que entre outras medidas divulgue o coñecemento e respeto da diversidade sexual nos centros escolares mediante actividades desenvolvidas por actividades e colectivos LGTBI, así como campañas de información social que denuncien os comportamentos lesbo e homofóbicos e promovan actitudes de respecto e igualdade.


Asemade, suprimir requisitos, contidos, mencións e signos discriminatorios cara a calquera opción afectivo-sexual promovidos desde instancias tanto públicas como privadas, retirar ou denegar calquera axuda ou subvención por parte das administracións públicas a aquelas entidades tanto públicas como privadas que pola súa ideoloxía ou actividade incorran en calquera manifestación de homo ou lesbofobia e reivindicar ante o resto de Administracións unha lei integral contra a LGTBI-fobia que penalice as discriminacións por orientación sexual ou identidade de xénero.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “os poderes públicos non so deben pular pola igualdade entre mulleres e homes, senón que tamén pola igualdade de orientación sexual ou do lugar de nacemento”.

Relacionados