Moción contra a reforma laboral

 

Os contidos aprobados esta fin de semana marcan un punto de non retorno na estrutura das relacións laborais ao privar dos escasos dereitos que na práctica lle restaban ao traballador na empresa. As clases traballadoras do país se atopan nunha encrucillada que somentes a loita social pode resolver no seu favor.

 

“Este golpe de Estado laboral non serve para saír da crise que provocaron esas mesmas políticas neoliberais e é radicalmente inxusta, porque abarata o despido e desfonda a negociación colectiva”, denuncia a Voceira do Grupo Municipal. Yolanda Díaz reclama un “basta xa da menciña neoliberal, a que reparte os cartos públicos a banqueiros e empresarios e pau e recortes para as clases traballadoras”;  o que se necesita é unha reforma empresarial que poña couto a un modelo social e económico insustentable no social e no ecolóxico.

 

O abaratamento do despido e  o desfondamento da negociación colectiva marcan os eixes do despoxo dos dereitos para as traballadoras e traballadores, que se impoñen polo Goberno, de xeito unilateral,  sen negociación e sen correspondencia con sacrificios semellantes á patronal, que resta libre de calquera imposición en materia fiscal, de reinvestimento dos beneficios ou de codecisión no ámbito da empresa. A relación dos ataques non deixa lugar a dúbidas do obxectivo, o de dar todo o poder o empresario, rematando co carácter tuitivo, de protección que viña desempeñando a lexislación laboral dende a fin da ditadura.

 

Esquerda Unida demanda unha reforma empresarial que poña fin ás prácticas que vulneran a legalidade e sobreexplotan ás traballadoras e traballadores. Reforma empresarial que sirva para construír un novo modelo produtivo baseado na formación, no emprego estable e con dereitos e nunha cultura de respecto ás persoas e de  ampliación dos ámbitos de codecisión nas empresas.

 

Esquerda Unida vai traballar para contribuír a artellar unha fronte social que derrote nas rúas e centros de traballo o golpe de Estado laboral do PP. Nestes días cómpre a meirande unidade, fortaleza e mobilización para derrotar nas mobilizacións desta vindeira fin de semana nas rúas aos contidos do contrarreforma. EU entende as mobilizacións da fin de semana como  preparatorias dunha xeira de mobilizacións que de xeito sostido sigan a unha folga xeral, de non se retirar os contidos do RD 3/2012.

 

A secuencia de contrarreformas laborais lonxe de amañar o problema do desemprego e a precariedade non deixan de afondar nel, mediante unha redistribución perversa dos poderes no seo da empresa, espazo onde non chegara a entrar a democracia e que agora se configura como un reino tiránico por parte do empresariado.

Relacionados