Moción contra licitación do ferrocarril

ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo coa seguinte EXPOSICIÓN DE MOTIVOS.

A nosa organización xunto con outros grupos políticos e entidades asociativas de todo tipo presentou na primavera do 2010 alegacións ao denominado estudo informativo de accesos ferroviarios ás obras de ampliación do porto de Ferrol. Compartiamos e expresabamos conxuntamente co amplo e variado grupo de entidades e asociacións cidadás  preocupación  polo proxecto contido  no Estudo Informativo sobre os accesos ferroviarios ao porto exterior, polas consecuencias negativas que aparellaría unha ulterior intervención na enseada da Malata.      Manifestabamos, asemade, o noso apoio para acadar un acceso ferroviario, que fixera crible e posible  desenvolver todas as potencialidades do porto exterior xa que , diciamos, “ o ferrocarril supón o medio de transporte axeitado para minimizar as servidumes derivadas dos tráficos de mercadorías e os impactos enerxéticos, constituíndo o medio de transporte sustentable idóneo para atender a demanda xerada ao redor do porto exterior”.

Tamén lembrabamos que  Estudo Informativo que se atopaba en fase de exposición pública non podía agochar  o interese das administracións públicas promotoras en apostar pola alternativa sur, a pesares  de supor a intervención máis agresiva na ría. Xa denunciabamos  que non  era casual entón que fallara xa daquela información relevante  en relación aos aspectos que atinxen ao medio físico  e ao medio humano; tratábase de producir unha impresión errada para favorecer a alternativa sur.

Todo isto hai agora case tres anos. E non está de máis recordalo nesta sucinta exposición de motivos xa que o acontecido recentemente co anuncio por parte do ministerio de Fomento de optar definitivamente pola opción denominada Sur  ten a súa orixe nos distintos anuncios da Dirección Xeral de Infraestruturas Ferroviarias no momento de someter a información pública o estudo informativo de accesos. Mais con independencia disto, é dicir , con independencia de que a opción finalmente adoptada xa se albiscara no momento da aprobación provisional o certo é que tal cuestión “aprobación provisional” e “exposición e información pública” non son meros trámites administrativos senón un dos fitos esenciais na cadea de decisións  políticas que comportan unha obra deste tipo. Non é , precisamente, un asunto que poida pasarse por alto, tomarse á lixeira ou desprezalo referenciándoo a mera formalidade.

Ademais disto hai unha segunda cuestión que este grupo municipal quere traer a colación nesta exposición de motivos:o ministerio agocha a declaración de impacto ambiental do trazado escollido e que o BOE publicou neste mesmo mes de xaneiro. Realmente consideramos que agóchase a declaración polo mesmo que non se contestan as alegacións. Ambas son unha monumental acta de acusación contra a decisión de escoller un trazado baseado en motivacións de aforro contable desprezando as motivacións que levaron a unha parte da cidadanía de Ferrol a plantear unha vez máis a defensa da ría e o seu valor económico, social , cultural e histórico.

Por todo isto o grupo municipal de Esquerda Unida presenta a seguinte MOCIÓN par ser debatida en pleno:

RESOLUCIÓN

O Concello-pleno de Ferrol insta ao Ministerio de Fomento a paralizar o procedemento de licitación do acceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol mentres non se conteste ás alegacións presentadas e se proceda á publicación da Declaración de Impacto ambiental.

FERROL, 28 DE XANEIRO DE 2013

 

Relacionados