Mocion derogación Lei de Augas

 

 

O consello comarcal de EU Coruña subliña o carácter regresivo da lei de augas, caracterizada polo seu afán recadatorio e privatizador respecto dun ben fundamental. Así pois, estamos diante dunha lei que reduce un ben fundamental, un dereito humano, a unha mercadoría. Xusto o modelo oposto a declaración da Asemblea da Auga tralo Foro Social Mundial de Belém na que se expresa “A auga en todas as súas formas é un ben común e o seu acceso é un dereito humano fundamental e inalienable de todos os seres vivos”. Pronunciamento validado pola Asemblea Xeral das Nación Unidas, en xullo de 2010.

 

A función recadatoria delátase do contemplado na Memoria da Lei, que formula a previsión dun incremento dos ingresos derivados da recadación dun 100%, mentres que de xeito paradoxal nos orzamentos da Xunta de 2011 se reduce nun 22% a contía para o programa de infraestruturas e xestión de abastecemento e saneamento. O propio Consello Consultivo de Galicia dubida da súa oportunidade no actual intre de crise económica, ao expresar “semella necesaria unha reflexión encol da oportunidade de incrementar a presión impositiva sobre a cidadanía, as familias e as empresas na conxuntura actual de crise económica”. Asemade a Dirección Xeral de Tributos da Xunta advirte do seu carácter discriminatorio e inxustificado en algúns aspectos. 

 

Asemade, a estrutura administrativa da xestión da auga adquire unha fórmula de dereito privado na meirande parte das súas decisións. O Consello Económico e Social no seu informe de maio afirmaba con rotundidade: “Non se xustifica a oportunidade da creación da nova sociedade pública.”

 

Xa que logo, Esquerda Unida presenta unha moción para que o concello coruñés se pronuncie a prol da derogación da Lei de Augas de Galiza aprobada en novembro de 2010. A devandita moción intégrase nunha campaña que está a desenvolver Esquerda Unida, en colaboración co Sindicato Labrego Galego, a través dos concellos galegos.

 

 

Cómpre subliñar que a Lei no pon a énfase na regulamentación dos usos da auga, nin nas estratexias para evitar a súa contaminación, nin na redución do consumo. A realidade do texto é que non achega novidade algunha no plano ambiental.

 

O coordinador comarcal de EU, César Santiso, considera necesario desenvolver mecanismos de xestión do auga de carácter público, social e participativos, baseados en principios de sustentabilidade medioambiental para garantir  este servicio público fundamental

 

César Santiso subliñou “atopámonos nun momento de crise enerxética e paro provocado pola crise do sistema e do modelo produtivo, que se está a demostrar o fracaso das políticas orientadas ao abandono do rural, xa que logo, o intelixente e racional e desenvolver políticas que fomenten a recuperación do agro galego, a meirande riqueza do noso país,  máis con todo, a lei de augas da Xunta camiña no sentido contrario, castigando o rural do noso país”, espazo tradicionalmente desatendido en materia de servizos de auga e saneamento, e o que agora se ve obrigado a pagar polos servizos non recibidos. Lei que desbota o que terían que ser medidas de bonificación para a veciñanza que vive no rural co obxecto de contribuír a favorecer o artellamento territorial do noso país.

Relacionados