Moción desafiuzamentos

Semellante situación resulta incompatible cos principios democráticos dun Estado que se quere Social e acredita a urxencia de modificar a legalidade de maneira que resolva tanto a situación das familias que están a piques de sufrir a perda da súa vivenda canto permita atender a situación das familias que xa a perderon. xa que logo o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción para instar a Xunta de Galicia a que desenvolva unha lexislación eficiente contra os desafiuzamentos.

Os últimos pronunciamentos públicos de diferentes entidades oficiais apuntan a urxencia para reformar unha lexislación que ampara hoxendía múltiples abusos do poder financeiro. As propostas presentadas polo Consello Xeral do Poder Xudicial ou a iniciativa da Avogacía Xeral da Unión Europea dan razón aos grupos políticos e as entidades de loita social que vimos denunciando e contrapropoñendo diversas iniciativas neste senso dende hai xa varios anos.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a grave situación que viven as familias traballadoras, obriga aos poderes públicos a actuar decididamente, no Pleno do luns veremos quen está coa cidadanía e quen cos banqueiros, porque non cabe dúbida de que cómpre desenvolver con urxencia as medidas necesarias que eviten que ningunha persoa máis reste na rúa sen un teito, e para que ningunha persoa afogada polo drama da perda da súa vivenda se suicide”.

Entre outras medidas recollidas nesta moción, Esquerda Unida propón suspender durante cinco anos todas as actuacións xudiciais do IGVS que se realicen para desafiuzar a calquera persoa. A continuación inclúese literalmente a parte resolutiva da devandita moción:

1.- Instar á Xunta de Galicia suspenda por un período de cinco anos todas as actuacións xudiciais do IGVS que se realicen para desafiuzar a calquera persoa residente nunha vivenda deste Instituto en atención a situación de depresión económica na que nos atopamos e as súas secuelas en termos sociais e económicos.

2.- Instar á Xunta de Galicia a que constitúa unha Comisión contra os Desafiuzamentos, coa participación dos Grupos Políticos e entidades sociais que traballan nesta problemática, Comisión con capacidade para mediar nos casos en que o procedemento ameace coa perda da vivenda das persoas afectadas e achegue solucións en todos os casos que eviten o desafiuzamento.

3.- Instar ao Goberno do Estado a modificar a Lei de Enxuízamento Civil, cunha disposición transitoria para que nos procedementos de execución hipotecaria que afecten á vivenda habitual do debedor ou dos seus familiares directos, que haxan rematado coa resolución que comporte o desafiuzamento, o xuíz ou xuíza, a petición da persoa afectada ou das administracións públicas competentes na materia dos servizos sociais ou de oficio, deberá decretar a suspensión da dilixencia de desafiuzamento, ate que as partes intervintes ou as administracións públicas competentes non presenten un acordo ou proposta que garanta o dereito da persoa afectada a seguir a dispoñer da mesma ou distinta vivenda nas debidas condicións de habitabilidade e vecindade, mediante título que asegure estabilidade residencial por un período mínimo de cinco anos e nas condicións económicas axustadas ás posibilidades da persoa afectada.

4.- Que esta suspensión acordarase tamén nos procedementos nos que xa se tentara unha ou máis veces o lanzamento e resten pendentes de practicalo.

5.- Instar á Xunta de Galicia a que introduza un procedemento incidental, polo que as persoas titulares de vivendas nas que teñan a súa residencia habitual ou a dos seus familiares directos, e que se atopen hipotecadas, poidan instar a suspensión temporal do pagamento das cotas, sen acreditación de novos intereses, por xusta causa consistente en situación de paro, accidente laboral, larga enfermidade, desgraza familiar ou infortunio semellante, sen ingresos mínimos suficientes para atender ás necesidades alimenticias e as cotas hipotecarias, e namentras se manteña esta situación de emerxencia ou as autoridades competentes en materia de servizos sociais e de vivenda, presenten unha solución que garanta o dereito a dispor dunha vivenda digna.

6.- Instar á Xunta de Galicia a que introduzan as medidas legais e regulamentarias necesarias para que  Novacaixagalicia, en tanto que entidade financeira intervida polo Estado e que inclúe activos inmobiliarios residenciais, poña de xeito inmediato a disposición das autoridades galegas e locais o dereito de uso –por un tempo máximo de cinco anos- das vivendas baleiras e que reúnan as condicións de habitabilidade cando así sexan requeridas por resolución que xustifique a necesidade de dispor das mesmas para atender as necesidades de aloxamento de persoas e familias que perderan o uso dunha vivenda ou se atopen en risco inmediato de perdela por causa de procedementos de desafiuzamento xa executado ou por desafiuzamentos arrendaticios.

Relacionados