Recentemente o Banco de España estimou o valor real de Novacaixagalicia en 181 millóns de euros, mentres tres altos directivos embolsáronse 22 millóns de euros de prexubilación o que supón o 13% do valor real da entidade financeira. Porcentaxe que sube até case o 20% si engadimos a prexubilación do exdirector xeral de Caixa Galicia.
O Concello da Coruña como defensor dos intereses da veciñanza afectada en grande medida polas escandalosas prexubilacións debe actuar diante desta inmoralidade, por iso Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción que espera recibir o apoio unánime de todos os grupos, pois do contrario escenificaría que algúns están coas grandes fortunas e os especuladores en lugar de coa maioría de familias traballadoras.
Esquerda Unida insta aos altos directivos de Novacaixagalica a que renuncien as desproporcionadas prexubiliacións que teñen establecidas, co fin de negociar outras cantidades máis acordes coa realidade económica que vivimos, e así posibilitar que a entidade destine o diferencial integramente a financiar a baixo interese a economía produtiva local de autónomos, cooperativas e PEME, a través dun convenio co IGAPE.
O grupo municipal de EU-V presenta unha moción para activar os mecanismos necesarios para investigar si os feitos son constitutivos de delito e para evitar que se poidan repetir instando a Goberno de España a que lexisle unha regulación do teito de emolumentos para directivos de entidades que reciban fondos públicos o calquera axuda estatal.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “os cargos públicos que votaron a favor no consello de administración deben dimitir do dito órgano e devolver os emolumentos cobrados debido a súa manifesta incapacidade para exercer o control público que o cargo demandaba”.