Moción en defensa do pobo saharauí

 

César santiso, coordinador comarcal de EU, considera que a aprobación desta moción polo pleno do concello da coruña supón unha mostra de solidariedade da cidadanía coruñesa para co pobo saharui

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

 

Hai situacións que  superan as fronteiras partidarias para reclamar o acordo unánime de todas as organizacións comprometidas coa defensa dos dereitos humanos: tal é o caso do pobo saharaui. A ocupación ilegal e ilexítima do seu país pola monarquía marroquí forma parte dese catálogo da infamia que acontece todos os días diante da compracencia da meirande parte da chamada comunidade internacional. Agora ben, o réxime de Marrocos foi aínda  máis aló estes días ao provocar primeiro a morte do neno saharaui Nayem Elgarhi, de 14 anos, abatido a tiros e desencadeando  unha espiral de violencia mortal que aínda sen cifras seguras anda no arredor dun cento de mortos, uns 4.500 feridos, uns 600 desaparecidos e máis de 2.000 detidos. Todo elo nunha dinámica caracterizada por xerar un estado de excepción, con violencia, torturas e as peores armas da sen-razón de Estado.

 

Mortes, feridas e golpes que caen sobre a poboación saharaui resistente nos campamentos de Bojador, Dajla e Esmara e do chamado Campamento da Dignidade, que sufriu primeiro un cerco implacable  sen auga, alimentos ou menciñas, para finalmente e de maneira violenta ser desmantelado.

Un Estado de excepción que produce expulsións de xornalistas e cargos públicos europeos, de activistas polos dereitos humanos, aos que se lles impide achegarse a coñecer de primeira man a violencia e represión que hai xa trinta e cinco anos exerce o réxime marroquí. Todo elo coa calada por resposta do Goberno central, que renuncia a defender aos indefensos, da de costas a nosa historia e obrigas como potencia colonial ocupante até a deserción nos estertores do franquismo e abandona o dereito internacional, que recoñece o dereito do pobo saharaui a constituír un Estado libre.

 

Sería unha mostra de respecto polos dereitos humanos e pola legalidade internacional que o Goberno central fixera as xestións oportunas conducentes a esixir de Marrocos a fin da violencia sobre o pobo saharaui, no canto dunha política baseada en non incomodar a un réxime que ocupa un territorio que non é seu.

 

O Consello Comarcal de Esquerda Unida entende que hai que poñerlle remedio a situación de violencia sistemática que se abate sobre o pobo saharui inflixida polo  Goberno de Marrocos. Situación á que temos que engadir a crise humanitaria que padecen os milleiros de saharauis acampados de forma pacífica nas aforas das principais cidades dos territorios ocupados.

 

 

Para achegar un pequeno contributo de solidariedade co pobo saharaui, que tantos vencellos mantén con nós, Esquerda Unida somete ao Pleno do concello da Coruña a seguinte proposta de

 

 

ACORDOS

 

Primeiro. Que o Pleno do concello se pronuncia a favor do dereito de autodeterminación do pobo saharaui e, xa que logo, insta ao Goberno do Estado a avogar pola celebración do referéndum comprometido por Nacións Unidas no ano 1992.

 

Segundo. Que o Pleno do concello insta ao Goberno do Estado a que sosteña no ámbito da Unión Europea a inmediata suspensión do Estatuto Avanzado que ten Marrocos, acordo supeditado ao exercicio dunha cláusula democrática que contempla o respecto aos dereitos humanos.

 

Terceiro. Que o Pleno do concello esixe unha rápida e imparcial investigación por parte da Misión das Nacións Unidas para o Referéndum do Sahara Occidental (MINURSO) para depurar as responsabilidades penais derivadas das mortes acontecidas neste días nos territorios ocupados, en particular a do cidadán con documento de identidade español.

 

Cuarto. Que o Pleno do concello insta ao Goberno do Estado a desenvolver todas as medidas de protección para cos refuxiados e refuxiadas saharauis en atención a nosa lexislación de asilo e refuxio e protección humanitaria.

 

Quinto. Publicitar estes acordos a través dos medios públicos municipais.

Relacionados