eu.gif - 5.78 Kb

Moción escola infantil de Esteiro

 

O certo é que se incumpriu pola Xunta de entón. Logo, o concello de Ferrol aprobou por unanimidade, no Pleno ordinario de 24 de abril de 2008  a entrada no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Coa sinatura do correspondente convenio de integración se recollía o compromiso para dotar a nosa veciñanza con esta infraestrutura, entre outras. Co cambio de goberno na Xunta en 2009 e a entrada do PP dase un paso de cangrexo máis e primeiro se adían os compromisos para agora poñelos en cuestión, ao negar a conselleira a necesidade desta infraestrutura educativa. Despréndese como conclusión desta brevísima enumeración de incumprimentos como o PP ignora as necesidades e incumpre de maneira sistemática os compromisos  en materia de infraestrucuturas sociais coa nosa cidadanía.

 

Semella inconcebible que un barrio que ten preto de douscentos nenos e nenas en idade infantil non conte cunha escola pública quen de prestar un servizo educativo e social de primeira necesidade. Semella inaceptable que a Xunta de Galicia, cuxo goberno ocupa o PP, incumpra os compromisos acadados  e ignore as necesidades educativas e sociais de Esteiro e por extensión de Ferrol.

 

A lexislación en materia educativa vai sendo retrasada e deturpada respecto a demanda social, que esixe das administracións públicas que garantan o dereito constitucional á educación, segundo o artigo 27 da Constitución e o artigo 31 do Estatuto de Autonomía, que confire competencias plenas á Xunta de Galicia no que atinxe á regulamentación e administración do ensino no noso país. Dereito á educación que ten na escola pública o único espazo onde poder afirmarse de xeito incondicional, sen as hipotecas relixiosas ou económicas que adoitan prevalecer no ensino privado concertado.  Sabemos que as administracións públicas teñen deturpado este dereito ao permitir a vampirización pola privada concertada, privada en último termo, dos insuficientes recursos económicos adicados a educación. Coñecemos a determinación do PP de dinamitar a escola pública pola vía da estrangulamento económico e a derivación da demanda social á privada concertada.Salientamos que é firme vontade política e social dos Grupos asinantes confrontar con tal propósito e derrotalo. Coidamos que a sociedade está da parte da igualdade e da solidariedade, isto é, da escola pública.

 

A sociedade ferrolá require duns equipamentos sociais que como a futura  escola pública infantil de Esteiro contribúan  tanto á redución das  desigualdades socioeconómicas de orixe nas nenas e nenos canto favorezan a igualdade real  das mulleres mediante a súa incorporación ao mercado de traballo. Tarefas  da meirande  importancia que a sociedade ferrolá non vai cesar de reclamar mediante todas as mobilizacións sociais que sexan necesarias, mobilizacións que van esicir da Xunta de Galicia un compromiso firme e inequívoco para facer real a escola pública infantil de Esteiro no comezo do curso 2011-12.

 

Facemos fincapé na esixencia desta infrestrutura e do seui pleno carácter público porque sabemos da querebncia do PP por reducir o que son dereitos de todas e todos en mero negocio duns poucos. Reclamamos, xa que logo, que a futura escola pública de Esteiro teña unha xestión pública directa. E reclamamos este réximen público porque somos coñecedores de que vai redundar en beneficio das nenas e nenos, que contarán cunha educación maís científica, laica e apegada á lingua e cultura da nosa nación, e porque o profesorado vai ter as debidas garantías de  formación  e autonomía para exercer a súa importante tarefa educacional.

 

Esta moción se presenta polos Grupos Municipais asinantes en cumprimento do acordo acadado no seo da plataforma constituída para conquerir a   escola infantil de Esteiro, plataforma integrada por unha ampla representación de organizacións sociais, sindicais e políticas da nosa cidade.

 

Xa que logo, os Grupos Municipais do BNG, EU e PSdG-PSOE propoñen ao Pleno do concello de Ferrol a seguinte proposta de acordo:

 

1º.- O Pleno do concello de Ferrol acorda instar á Xunta de Galicia a facer efectivo e real para o vindeiro curso escolar o compromiso de construír e pór en funcionamento a escola pública infantil no barrio de Esteiro, xestionada pola propia Xunta de Galicia, respectando deste xeito  os compromisos contraídos cando incorporámonos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no ano 2008.

Relacionados