Moción Lei de dependencia

A Lei de Dependencia 39/2006 supón maior avance en protección social en España no tres últimos lustros, xerando dereitos subxectivos e ditaminando a máis dun millón de persoas en situación de dependencia, dos que 760.000 xa son beneficiarios dunha prestación ou servizo, constituíndo, xunto a Ensino e Sanidade os alicerces do Estado do Benestar que agora o PP pretende desmontar.

Esquerda Unida considera que as medidas de recorte en dependencia do decreto de xullo son desalmadas e crueis coas persoas máis vulnerables, por exemplo:

-A ampliación a dous anos o prazo para resolver as axudas fará que decenas de miles de dependentes morran sen atención. (3 de 4 beneficiarios son maiores de 65 anos, e o 54% maiores de 80).

-O incremento das achegas dos usuarios e os descontos sobre as prestacións a percibir, levando ao límite da capacidade real as economías familiares. O copago incrementa de maneira importante as achegas e afectará ao patrimonio das persoas dependentes provocando a descapitalización das familias.

-A redución da contía das prestacións económicas por coidados na contorna familiar nun 15%. O Ministerio permitiuse mesmo criminalizar aos familiares que atenden ás persoas dependentes falando publicamente de “fraude” nestas prestacións, pondo en dúbida a dedicación e o afecto que proporcionan centos de miles de familiares de afectados/as en España. A redución afecta a 435.180 persoas que verán minguar as prestacións que reciben unha media de 55 euros ao mes.

-Ademais o Estado deixa de financiar a Seguridade Social dos coidadores familiares que afecta a 180.000 persoas, o 94% mulleres.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción para instar ao goberno central a que retire os últimos recortes en dependencia e que calquera medida que modifique a lei de dependencia pase o trámite parlamentario sen utilizar o atallo do decreto.

O PP está a considerar inviable a promoción da Autonomía Persoal e Atención das Persoas en situación de dependencia que a Lei recoñece como un dereito, o que representa un paso atrás de dimensións históricas no concepto constitucional do Estado Social, cargando de novo sobre as familias o coidado das persoas en situación de dependencia sen apoio algún, e trasladando a cobertura das necesidades máis básicas das persoas ás iniciativas caritativas e solidarias da propia cidadanía. Iso é retroceder ás prácticas predemocráticas asistenciais e de beneficencia que marcaron o atraso de España con respecto a países europeos da nosa contorna.

César Santiso, indicou que “con este tipo de actuacións o PP, non so amosa a súa falta de solidariedade e humanidade, senón que demostra a falta de percepción da realidade económica, pois o cambio de modelo obriga a priorizar en produción de servizos en lugar da produción mercadorías”.

Todas estas medidas, ademais de suprimir niveis, baixar intensidades e eliminar incompatibilidades, supoñen de maneira inmediata un recorte de 1.000 millóns de euros e a desatención aos máis de 270.000 persoas que quedan no “limbo da dependencia”, que se lles recoñeceu o dereito e están pendentes de recibir a prestación ou servizo- que non recibirán axuda nos próximos dous anos e medio polo que se pode afirmar con absoluta desolación que o descuartizamento da Lei de dependencia supón o fin do maior avance en protección social que se produciu en España nos últimos anos.

Relacionados