O novo regulamento de funcionamento interno das devanditas escolas sinala que estas pecharán en agosto con carácter xeral, o que supón un retroceso en relación coa situación precedente na que se contemplaba este mes como hábil a efectos de funcionamento destes centros, segundo se recollía no artigo 29 do Regulamento aprobado no tempo do goberno bipartito. O novo regulamento modifica a situación vixente o dispor que, con carácter xeral, as escolas permanecerán pechadas en agosto (artigo 25.2). Xunto a esta eiva hai outras relativas a horarios e emprego da lingua propia do noso país, que non podemos compartir e que coidamos necesario rectificar.
A nosa organización considera moi negativo este anuncio por canto vai producir notables trastornos non só no eido pedagóxico, senón no que atinxe a propiciar a conciliación laboral e familiar, para o cal semella clave contar cun afortalado sistema de servizos públicos, caso no que se atopan nomeadamente as escolas infantís.
Esquerda Unida entende posible e necesario que se modifique esta decisión do PP porque de manterse abertas as escolas obteríanse un conxunto de beneficios para a sociedade, os nenos e nenas e as súas familias. Sucíntamente enunciadas son varias as razóns que militan a prol de manter hábil o mes de agosto e de facelo sen traslados entre centros: as escolas infantís supoñen unha ferramenta de primeira orde para correxir as desigualdades de orixe do alumnado e propiciar unha aprendizaxe temperá nese alumnado. Esta condición educativa segue a restar en entredito por canto esta rede non se adscribe á rede xeral da Consellaría de Educación restando no ámbito de benestar, prorrogando unha decisión errónea herdada do bipartito.
As escolas infantís xogan un rol clave para facilitar a conciliación das vidas laboral e familiar e propician que as mulleres se poidan incorporar ao mercado de traballo, o que supón o chanzo primeiro pàra garantir a construción dunha vida autónoma por parte dun xénero sempiternamente discriminado, preterido e que aínda hoxe sofre unha sistemática de violencias inaceptable. As escolas infantís supoñen un elemento creador de emprego de primeira magnitude de producirse unha aposta polo ensino público, por canto hai un notable déficit de prazas no tramo 0-3, que nos leva a considerar que somentes na cidade de Ferrol se crearían máis dun cento de empregos estables e con dereitos , especialmente de educadoras e educadores e persoal auxiliar.
A fórmula que de xeito excepcional contempla o novo regulamento, o traslado do alumnado a un determinado número de escolas de garda dentro ou fóra do propio termo municipal non deixa de producir máis problemas de tempo e mobilidade nas familias co risco asociado de sinistralidade que conlevan desprazamentos urbanos curtos e diferentes.
As modificacións horarias introducidas logo da matriculación das crianzas e que están a producir notables trastornos ás familias son outr das situacións que nos levan a presentar esta moción para demandar a súa corrección.
Regulamento, que queremos denunciar, se aproba unha vez comezado o curso escolar para modificar en sentido restrictivo o anterior texto regulamentario. Os prexuízos derivados da aplicación desta medida tamén caen no lombo da nosa cidadanía e coidamos que merecen que o Goberno Municipal realice as xestións oportunas diante da Xunta para conquerir unha rectificación que sirva tanto aos nenos e nenas matriculados canto ás súas familias e que ademais axude a xeración de emprego público.Pregúntamonos dende este Grupo Municipal cal foi a posición da Comisión Mixta Consorcio-Consello diante das modificacións regresivas contidas no novo Regulamento: houbo tal posición? Non entende o Goberno Municipal que as modificacións lastiman á nosa veciñanza? Realizou o Goberno algunha acción dirixida a evitar estes prexuízos?
Para Esquerda Unida tanto este anunciado peche se relaciona coas recorrentes problemas coa xestión das listaxes de contratacións e substitucións. Circunstancias que nós vencellamos coa determinación da Xunta de Galicia de proceder a privatizar as escolas infantís e en xeral ao proceso de erosión e privatización do ensino público que leva adiante o PP. A esta política de recortes do PP hai que opoñerlle o recollido polo Valedor do Pobo cando consigna a reiterada insuficiencia de prazas nas escolas infantís sen resolver polo Goberno da Xunta de Galicia, asemade de facer notar as existentes dunha Consellaría –Traballo e Benestar– que subliña o seu papel asistencial e non o propiamente educativo. Autores como Martínez López-Muñiz, citado polo Informe do Valedor, afirma que non caben restricións orzamentarias ou de falla de medios para atender este deber constitucional de procurar o acceso a educación pública.
Non queremos deixar de anotar como moi negativa a regresión que se consigna no artigo 33 do novo Regulamento que dinamita a política de normalización lingüística contemplada no nacemento desta rede e recollida no artigo 37 do primeiro Regulamento.
Xa que logo, o Grupo Municipal de Esquerda Unida presente ao Pleno do concello de Ferrol a seguinte proposta de Acordos:
Primeira.- O Pleno do concello de Ferrol insta á Xunta de Galicia a modificar as previsións contidas no regulamento de réxime interior das escolas infantís dependentes do Consorcio de xeito tal que se manteñan estes centros abertos no mes de agosto.
Segunda.- O Pleno do concello de Ferrol insta á Xunta de Galicia a recuperar a política de normalización lingüística do primeiro Regulamento, enunciada no vello artigo 37.
Terceira.- O Pleno do concello de Ferrol insta á Xunta de Galicia a manter os horarios fixados cando se formalizou a matrícula deste curso.