Moción dimisión de Rajoy

Esquerda Unida esixe que a dimisión de Rajoy e a convocatoria de eleccións anticipadas no caso que se confirmen as informacións aparecidas en presa, un Estado que se di democrático e de dereito non pode albergar partidos políticos que se financien de maneira irregular e menos que estes señan os que gobernan o país.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha moción para debater no vindeiro pleno no que a corporación coruñesa inste ao presidente do goberno a dimitir si se confirma que houbo reparto de sobresoldos sostido no tempo entre os máximos dirixentes do PP, asemade doutras propostas que pretenden acadar un grado de transparencia suficiente para asegurar o correcto e legal funcionamento dos partidos políticos e os cargos públicos e así recuperar a credibilidade perdida. Concretamente a súa parte resolutiva di así:

– O Pleno do Concello da Coruña insta a que o Presidente do goberno, Mariano Rajoy, compareza persoalmente nun Pleno monográfico do Congreso sobre corrupción.

O Pleno do Concello da Coruña insta a que se cree unha comisión de investigación parlamentar sobre corrupción política para dilucidar as responsabilidades políticas a que houbese lugar, á marxe de que a Xustiza depure as penais, e propoñer medidas claras para atallar de raíz este problema que cercena a credibilidade dos partidos políticos.

– O Pleno do Concello da Coruña, no caso que se confirme que houbo reparto de sobresoldos sostidos no tempo entre os máximos dirixentes do PP, insta ao presidente do goberno, a dimitir e convocar de urxencia eleccións anticipadas.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “esperamos contar co apoio de todos os partidos que forman parte da corporación, nomeadamente o grupo municipal do PP, porque si están tan seguros de que a información é falsa como afirman publicamente non terán problema en apoiar a moción”.

César Santiso salientou que “mentres as familias traballadoras están a sufrir recortes brutais, existe unha casta de políticos que séguense a enriquecer e logo teñen a cara dura de pedir esforzos ao pobo. O PP non ten lexitimidade para seguir gobernando, moito menos para pedir novos esforzos a cidadanía”.

Finalmente Santiso subliñou que “A nosa actual democracia está ferida de morte, é necesario convocar urxentemente eleccións para rexenerar a democracia e comezar un novo proceso constituinte que permita recuperar a unión perdida entre a cidadanía do común, as institucións e a clase política en base á ética, a transparencia e a participación cidadá”.

 

Relacionados