Moción plan de axuste

 

A redución dun 5% dos salarios dos traballadores  e traballadoras públicas, a conxelación das pensións agás as non contributivas e mínimas, a eliminación do réxime transitorio para a xubilación parcial, a cancelación do cheque – bebé, a eliminación da retroactividade no cobro das prestacións da Lei da Dependencia, o recorte na axuda ao desenvolvemento por importe de 600 millóns de euros e a redución en 6.000 millóns nos investimentos públicos en infraestruturas, asemade dun recorte adicional en 1.500 millóns  a asumir polas administracións autonómicas e municipais supoñen un ataque inxusto e ademáis ineficaz para atallar a crise.  Hai que engadir  as nubes negras que con esa mesma orientación rondan a anunciada reforma laboral e sobre as pensións.

 

Son medidas que rompen os Acordos da Función Pública cos sindicatos, que se acadaron en data tan cercana como setembro de 2009. Así como a Lei 33/85 sobre o mantemento da capacidade adquisitiva das pensións e maila Lei 40/07 sobre o réxime de xubilacións. Son medidas que vulneran os acordos parlamentarios sobre a Lei da Dependencia, que sofre un atraso crónico na súa aplicación e un evidente subfinanciamento.

 

Medidas que  semellan unha atolondrada, mais interesada, carreira en pos dunha deflación competitiva, que deixe os causantes da crise sen custo algunho.  A estes efectos acordánse medidas inxustas e que van dificultar e profundizar a crise, ao ferir  a unha feble demanda agregada, ferindo  aos únicos que están a pagar a crise as mulleres e homes das clases traballadoras.

 

O déficit público explícase – nunha lectura de esquerdas, atenta ao interese xeral das clases traballadoras – polo lado dos reducidos  ingresos e non polo do cativo gasto público, que segue a atoparse a anos de distancia e a 7 puntos do PIB en gasto social en relación coa media da UE. A progresiva voadura da fiscalidade das rendas do capital e a redución e perda de progresividade dos tipos impositivos do IRPF, xunto coa supresión do imposto de patrimonio e a mingua do de sucesións supoñen a clave da febleza dos ingresos estatais e, xa que logo, a incapacidade para afrontar o gasto social e produtivo coa intensidade que require o actual intre.

 

Para Esquerda Unida as actuacións do Goberno Central teñen que reorientarse por completo,  xirar 180 graos,  para incrementar os ingresos a partires dunha  reforma fiscal que equilibre o custo da crise que até o de agora está a ferir a millóns de traballadores e traballadoras, autónomos e pequenos empresarios, cuxa realidade obxectiva os sitúa no campo dos intereses da maioría social traballadora.

 

Xa que logo, o Grupo Municipal de EU presenta, para a súa toma en consideración polo Pleno do concello de Ferrol, a seguinte proposta de ACORDOS:

 

1.- O Pleno do concello insta ao Goberno  Central a retirar o Plan de Axuste presentado o día 12 de maio e aprobado no Consello de Ministros do día 20 do corrente.

 

2.-  A Corporación local manifesta a súa oposición a calquera medida de conxelación das pensións do sistema público e insta ao Goberno Central a retirar das medidas de axuste as que conxelan as pensións durante 2011 e modifican as condicións para a xubilación parcial.

 

3.-  O Concello de Ferrol insta ao Goberno do Estado a que de maneira inmediata recupere o Imposto de Patrimonio, o que vai permitir  un aumento da recadación fiscal duns 2.200 millóns de euros, segundo a recadación prevista no último exercicio no que estivo en vigor ( 2007 ), e que fai innecesario calquera recorte de pensións ou o endurecemento das condicións para o disfrute das mesmas.

 

4.-  A Corporación local se opón  a calquera medida que supoña a redución do salario dos empregados e empregadas públicas e/ou a conxelación das súas retribucións e insta de xeito especial ao Goberno a que retire das medidas de axuste ás que poidan  afectar a este concepto.

 

5.-  A Corporación local insta ao Goberno a que de forma urxente convoque aos representantes das forzas políticas para acordar un paquete de medidas de reforma fiscal progresiva, na que paguen máis os que máis teñen ou gañen e se incorporen medidas para incrementar a recadación fiscal procedente das institucións financeiras e das operacións especulativas, de maneira que sexa innecesaria calquera medida de recorte salarial ou de axuste de emprego das e dos empregados públicos. Estas medidas deben incorporar un plan rigoroso de loita contra a economía mergullada e o fraude fiscal. Asemade, as Administracións públicas adoptarán medidas eficaces para a racionalización  do gasto, na procura da meirande calidade e eficiencia.

 

6.-  O Concello de Ferrol tomará cantas medidas sexan precisas para evitar a aplicación aos empregados e empregadas públicas deste concello das medidas de recorte e axuste anunciadas polo Goberno Central.

Relacionados